Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A Laracha. Preténdese facer máis humano e seguro o espazo urbano, habilitando beirarrúas máis amplas e renovando o mobiliario // No recinto celébrase cada ano a tradicional Feira das Cereixas, declarada de Interese Turístico TEXTO M. Lavandeira

Revalorizan en Paiosaco a contorna do emblemático campo da feira

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde da Laracha, José Manuel López, e concelleiros da Corporación local, supervisou o avance das obras de mellora da contorna do campo da feira de Paiosaco, unha actuación que é posible grazas á sinatura do convenio entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello por un importe de 130.000 euros.

Os traballos consisten na creación duns espazos urbanos máis amables para os peóns, dotándoos dunha maior comodidade e seguridade grazas á ampliación de beirarrúas, creando incluso un tramo novo nas proximidades do campo da feira.

A intervención céntrase nas rúas Xosé Loureiro González, Xosé Neira Vilas e Álvaro Cunqueiro así como na propia praza do campo da feira, en pleno núcleo urbano e, polo tanto, nunha zona moi frecuentada pola veciñanza de Paiosaco.

Ademais da mellora da imaxe xeral da contorna mediante a renovación do mobiliario urbano, tamén se acometeron as obras necesarias para dotar ás rúas Xosé Neira Vilas e Álvaro Cunqueiro dunha rede de de recollida de augas pluviais.

POLÍGONO. Por outra banda, a Xunta tamén financia o proxecto de mellora da sinalización no ámbito do parque empresarial, que se atopa actualmente en fase de execución. Esta ampla actuación deseñada polo Concello e cofinanciada pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia presenta dúas liñas de intervención diferenciadas. Por unha parte está a sinalización horizontal que ten por obxecto guiar e canalizar o tráfico dentro dos carrís de circulación e aumentar a seguridade viaria. Ditas marcas serán repintadas nos accesos, rúas e glorietas para incrementar a visibilidade das mesmas. Tamén están a ser remarcadas as prazas de estacionamento, bordillos, pasos de peóns, cebreados, símbolos (ceda o paso, stop, etc) e frechas. En total son 13.571 metros lineais os que serán remarcados con pintura reflexiva de cor branca e amarela.

A outra liña de intervención consiste na instalación de nova sinalización vertical tanto no interior do propio parque empresarial como nas estradas próximas a el, neste último caso para informar aos condutores sobre a dirección que deben seguir para chegar ao polígono industrial da Laracha. O orzamento sitúase en torno aos 50.000 euros.

O protagonista
“Executáronse máis de 380 intervencións co plan Hurbe”
Gonzalo Trenor
Delegado da Xunta

Gonzalo Trenor lembrou que esta iniciativa está incluída no Plan Hurbe, posto en marcha polo Goberno galego hai xa máis dunha década para axudar aos concellos na materialización de proxectos urbanísticos do seu interese.

Destacou que dende 2010 a Xunta comprometeu algo máis de 162 millóns de euros para o financiamento de máis de 380 intervencións urbanísticas en decenas de concellos, para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas, como a impulsada polo Concello larachés.

Así, no proxecto de Paiosaco, a Administración autonómica asume o 70% do custo da actuación (neste caso concreto, son 92.105 euros), mentres que a porcentaxe restante é achegada polo Concello da Laracha (case 40.000 euros).

{ Pasaba por aquí }
Conservar e valorizar
Manuel Lavandeira

Aínda que poidan ser menos chamativas que os grandes proxectos de infraestruturas, as pequenas actuacións de mantemento e posta en valor dos espazos urbanos son tan importantes, ou máis, para as nosas vilas e pobos. O campo da feira de Paiosaco é moito máis que un recinto feiral, pois ademais de ser o punto de encontro e centro neurálxico da vila, nel ten lugar a tradicional Feira das Cereixas, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Ao seu carón atópasa a rúa das Cereixas, un nome cargado de simbolismo, que fai alusión á importancia histórica que ese froito sempre tivo para Paiosaco e para o Concello larachés. Ben se merece pois actuacións e investimentos que contribúan ao seu embelecemento.

22 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.