Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Revelan os segredos do val de Vimianzo ós camiñantes

Dúas novas rutas levan ata ós petróglifos descubertos por David Roget // Percorren tamén fervenzas, muíños e paraxes únicas

Arte con catro milenios de antigüidade, espectaculares fervenzas, muíños de auga -algúns deles erguidos hai trescentos anos- e unhas paraxes naturais únicas agardan a ser descubertos polos camiñantes que, a partir deste sábado, percorran as dúas novas rutas deseñadas, acondicionadas e sinalizadas polo Concello vimiancés.

Tratáse de dous itinerarios que forman parte dunha ruta circular duns dezaoito quilómetros, que comeza e remata na Praza do Concello. Unha delas adentra ao camiñante polos Segredos do Val de Vimianzo (14,4 Km.) para que poidan contemplar de preto parte das doce estacións de petróglifos descubertas en 2019 por David Roget, un mozo vimiancés de tan só 19 anos, apaixoado da historia e estudoso das testemuñas dos seus antepasados. Asegura que os gravados rupestres “son os libros dos veciños vimianceses de hai 4.000 anos”.

Leva tamén aos sendeiritas ata a Cruz do Loureiro, dende a cal “se pode gozar dunhas vistas panorámicas espectaculares”, segundo sinalou Víctor Santos, técnico de Deportes, quen asegurou que “vai ser tamén un gran descubrimento para os propios veciños de Vimianzo”. Polo camiño, son puntos de parada obrigada o Pazo de Trasouteiro, a alvariza de Sansobre, a fervenza do Rego de Cubes, a Casa da Serra, a igrexa de Cambeda e as fervenzas e muíños do río que atravesa esta parroquia.

O segundo roteiro, bautizado como As Fervenzas e Muíños do río Cambeda (3,6 Km.) arranca e remata na contorna da igrexa de Cambeda. “É unha senda que se pode percorrer todo o ano, e que se amosa espectacular no inverno”, sinalou Santos. Acolle tamén un gran número de muíños de auga, que están sendo obxecto de estudo por parte de David Roget, quen descubriu nalgúns deles unhas singulares cruces que “no momento que foron creadas tiñan un significado moi distinto ao que lle damos na actualidade”.

Unhas rutas que foron presentadas este venres nun acto presidido pola alcaldesa, Mónica Rodríguez, e no que participaron tamén a concelleira de Cultura, Rosa Blanco; o técnico de Deportes, Víctor Santos e o descubridor dos petróglifos, David Roget, que este sábado guiará aos camiñantes inscritos no roteiro inaugural e, para o cal, se esgotaron as prazas.

Dende o Concello aseguran que é a primeira vez que se realiza unha tarefa de sinalización desta envergadura, que repercute en máis de vinte puntos de interese patrimonial. Trátase dun traxecto moi variado e atractivo, que mestura tramos urbanos, de monte e de río.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, quixo agradecer “a todo o persoal implicado neste proxecto, sobre todo ao técnico de Deportes, Víctor Santos; ao mozo David Roget, ao colectivo A Rula e ao alumnado do obradoiro de carpintaría, sin os que non sería posible contar cun dos que, agardamos, se converta nun dos principais atractivos da Costa da Morte”, subliñou.

Víctor Santos recalcou “a relevancia deste percorrido, no que se poderán ver puntos de gran interese e dos que ata agora non tiñamos apenas novas’. Agradeceu tamén o traballo de Manuel Rial, técnico de Turismo, que contribuíu ao desenvolvemento deste roteiro.

David Roget subliñou que Vimianzo “ten de sempre un patrimonio impresionante, pasando pola Prehistoria, a Idade Media e a Idade Moderna” e considera que a incorporación dos petróglifos aos itinerarios municipais “vailles outorgar un valor turístico que vai ser a envexa dos roteiros da Costa da Morte”. Considera que este será un primeiro paso “para que o noso municipio sexa referencia en toda Galicia”.

ROTEIRO NOCTURNO. A alcaldesa adiantou ademais que o vindeiro día 18 de setembro o Concello organizará un roteiro nocturno ata o Prado da Cruz.

20 ago 2021 / 18:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.