Rianxo convoca as prazas de conserxe e de técnico de Administración Xeral
O Concello cubrirá 59 postos no marco do proceso selectivo para baixar a temporalidade
Rianxo. Unha vez asinado o decreto por parte do alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, o Boletín Oficial da Provincia da Corua publicou o xoves 29 de decembro as bases dos procesos selectivos para a cobertura de 59 prazas, ao abeiro da lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.
O alcalde salientou a importancia do proceso, xa que se acadará “o obxectivo principal de redución da temporalidade do emprego no Concello, co conseguinte beneficio para os traballadores e a calidade dos servizos”.
Das 59 prazas convocadas, unha correspóndense con posto de persoal funcionario e 57 son de persoal laboral.
Neste proceso incluíronse as prazas de funcións estruturais cubertas con persoal funcionario interino ou laboral temporal con data anterior a 1 de xaneiro de 2021 logo das negociacións entre o goberno local e os sindicatos.
Na negociación aprobouse tamén crear a única praza de funcionario que, por razóns da aínda vixente taxa de reposición estatal, impide cubrir prazas excepto cando haxa xubilacións. Esta praza para 2023 (de conserxe) será de funcionario/a por oposición libre. Actualmente está en marcha un proceso de oposición libre para un técnico de Administración Xeral. s. s.