Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rianxo plantaralle cara ao sedentarismo xuvenil cun plan deportivo no instituto

Técnicos da piscina controlarán o estado físico dos alumnos, fixarán pautas saudables e organizarán actividades no centro

O Concello de Rianxo e a empresa que xestiona a piscina municipal desta localidade (o grupo BeOne) puxeron en marcha un programa centrado en combater o sedentarismo que, segundo recentes estudios da Organización Mundial da Saúde, afecta a cerca do 70 % da poboación infantil.

Co propósito de ensinar hábitos de vida saudables e promover a práctica deportiva habitual entre os mozos e mozas rianxeiros incluídos nesta porcentaxe de menores que non realizan a actividade física recomendada para a súa idade, os técnicos municipais da área de Deportes e os da citada empresa elaboraron o programa denominado Move-T, que se levará a cabo nos vindeiros catro meses, empezando en decembro.

Os beneficiarios serán os alumnos do terceiro curso da ESO do Instituto Félix Muriel.

O programa ten catro fases, unha por mes, nas que se tratarán diversos aspectos da actividade física para achegar aos mozos hábitos saudables durante as horas da materia de Educación Física.

No primeiro mes, os técnicos deportivos da piscina realizarán medicións, como a do Índice de Cintura Cadeira, a da porcentaxe graxa do corpo ou a da porcentaxe de masa muscular. Con elas estableceranse as pautas e os sistemas de control necesarios para poder comezar a establecer os hábitos de vida saudables.

ESPAZO SAUDABLE. Asignarase a cada alumno o programa de control da porcentaxe graxa, que irá cambiando cada mes. Ademais, habilitarase no instituto un espazo saudable, para o cal a piscina cederá máquinas de adestramento, que son propiedade do Concello, na que os alumnos e alumnas poderán realizar os exercicios recomendados sempre baixo a supervisión dun profesor.

Xa no segundo mes, en xaneiro, ademáis de seguir cos controis da evolución dos estudantes, impartiranse dúas sesións de actividades de forza que teñen como obxectivo a mellora postural e o aumento da velocidade e da resistencia física dos estudantes.

NAtación. En febreiro, ademais dos controis e novos programas adaptados a cada alumno, impartiranse sesións na instalación da piscina municipal propias dun centro deportivo deste tipo, ademais de continuar coas sesións de forza. Asimesmo, practicaranse actividades de natación e cardiovasculares.

PLANS INDIVIDUAIS. No último mes do programa, o de marzo, ampliaranse estas actividades a unha sesión semanal e estableceranse os últimos plans individualizados de control da porcentaxe graxa e de masa corporal. Os resultados desta experiencia compartiranse cos alumnos coa fin de mellorar os seus hábitos e establecer novas rutinas que lles axuden a levar vidas máis saudables.

Cos resultados obtidos, os responsables do programa exporán a posibilidade de ampliar este programa a outros cursos ou escolas.

Na presentación desta iniciativa participaron o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños Sánchez (quen destacou a importancia de poñer en marcha esta proposta no eido educativo); o director da piscina municipal, Óscar Rial; e o xefe do departamento de Educación Física do IES Félix Muriel, Emilio Losada.

comarcas@elcorreogallego.es

12 nov 2021 / 14:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.