Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ETNOGRAFÍA. Veciños de Araño organizaron para o sábado 22 unha visita didáctica ás estruturas de moenda de Lemos, Quintáns e Veiga // Haberá merenda, música e xogos tradicionais // Os maiores lembrarán lendas, cantigas e refráns TEXTO S. Souto

Rianxo pon en valor as moendas do río Té, o leito dos 55 muíños

O río Té, de Rianxo, nace preto do Monte da Muralla, a uns 500 metros de altitude, no estremo norte do concello. Percorre ao redor de 12 quilómetros, pasando por diversos lugares e parroquias, e desemboca no lugar do Pazo para abrazarse á ría de Arousa. No século pasado chegaron a funcionar nas súas augas un total de 55 muíños. A forma de propiedade máis común eran os muíños de herdeiros ou de parceiros, que pertencían a varios veciños e nos que se moía a fariña por quendas.

Os muíños de maquía pertencían a un só propietario, como o de Francuín ou de Paus do Cura. Normalmente eran grandes e servían tamén como vivenda do muiñeiro e da súa familia. O muiñeiro cobraba unha parte da fariña, a maquía, que era proporcional á cantidade moída. Algúns muíños tiñan tres moas, para moer trigo, centeo e millo.

Pero a chegada da electricidade foi apagando esta tradición que, lamentablemente, empeza xa a ser descoñecida para os máis novos.

Para mantela viva e dala a coñecer, a asociación de veciños da parroquia rianxeira de Araño organizou unha Muiñada Cultural que terá lugar o vindeiro sábado día 22 a partir das catro e media da tarde no lugar da Capela de San Xoán da Ermida. O programa inclúe unha visita didáctica ós tres muíños de auga que se conservan na zona de Buía (os de Quintáns, Veiga e Lemos) que están completamente operativos e en bo estado e que, ademais, se atopan conectados por un sendeiro fluvial de gran beleza e de pouco máis dun quilómetro de lonxitude.

Os participantes dirixiranse dende a citada capela ao río Té, para logo visitar as tres instalacións e coñecer polo miúdo os seus compoñentes, as súas diferenzas e os mecanismos do seu funcionamento, así como a súa posta en marcha para a moenda do millo. A xornada estará amenizada polo grupo de música tradicional Río de Anxo. Ao longo do percorrido haberá ademais xogos tradicionais para os máis cativos da man da asociación Avoar.

encontro interxeracional. A idea de fondo é que os avós e bisavós que viviron as muiñadas poidan contar e transmitir o que alí acontecía: anécdotas, contos, xogos, festexos, etc. “Trátase de crear un punto de encontro interxeracional para a conservación deste patrimonio tan noso”, explican ao respecto dende o citado colectivo veciñal de Araño.

Para rematar, na carballeira da contorna do muíño de Lemos haberá unha pequena merenda ó son das gaitas para poñer o punto e final a esta muiñada. Ao redor dos muíños desenvolvéronse un rico folclore e unha importante cultura popular: ditos, refráns, contos e tamén cantigas que teñen como protagonistas as xornadas que se pasaban no muíño, xa que eran lugares de conversa e socialización mentres se esperaba a que rematase de moer. Incluso o baile máis típico de Galicia, a muiñeira, ten a súa orixe nos tempos de espera no muíño: “Eu caseime no Araño / pensando que había pan / O forno de miña sogra / cría silvas no verán”, reza unha estrofa.

roteiro de 5 quilómetros. O Concello de Rianxo deseñou hai uns anos unha pequena ruta de case que cinco quilómetros polas ribeiras do río Té que permite achegarnos a distintos puntos de interese ambiental e patrimonial do municipio e a través da cal podemos descubrir a natureza dese leito e como ao longo da historia a humanidade foi ocupando ese espazo rico en recursos naturais (agricultura, pesca, gandería, bosque, etc.).

delegribeira@elcorreogallego.es

14 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.