Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ribeira exhibe debuxos de Poldras xunto a obras orixinais de Goya e Dalí

O artista coruñés fixo un estudo anatómico dos personaxes de ‘Os Caprichos’ do pintor aragonés

Na pequena aldea ribeirense de Artes exhíbense estes días obras de dous dos grandes xenios da pintura universal xunto a creacións do artista coruñés Xosé Poldras.

O Museo do Gravado de Ribeira acolle ata o 14 de decembro a exposición Os Caprichos Espidos, formada por trinta obras de Poldras, dez de Francisco de Goya e outras dez de Salvador Dalí. As creacións de Poldras son as que fixo para acompañar o estudo teórico de Os Caprichos de Goya con motivo da súa tese doutoral, finalizada en 2015, na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.

Na inauguración participaron, xunto a Poldras, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a concelleira de Cultura, María Sampedro; o director do citado museo, Pastor Rodríguez; e Carlos Bernárdez, comisario da mostra.

Para abrir e pechar o acto Cecilia Rodríguez, filla do artista, interpretou pezas de Bach e Teleman ao violín para deleite dos asistentes.

Os Caprichos Espidos está composta por 10 debuxos de grafito sobre papel, 10 linografías e 10 debuxos dixitais de Xosé Poldras (A Coruña, 1969) que forman parte dunha colección que combina unha parte artística, de creación orxinal, e outra divulgativa, referida ao cartafol dos famosos gravados de Goya. Ademais, móstranse 10 gravados orixinais deste último artista (edición da Exposición de Sevilla de 1929) e 10 heliogravados de Dalí que pertencen ós fondos do Museo do Gravado.

Xosé Poldras é un artista polifacético, pois cultiva o gravado, a pintura, a escultura e a fotografía. É Doutor en Belas Artes e une a investigación artística ao estudo.

“Nesta ocasión, o artista presenta uns debuxos que desnudan Os Caprichos de Goya, relacionando ademais as estampas coa narración tradicional e, nos lemas, cos textos do Gilgamesh, un dos máis antigos relatos do mundo. Nesa indagación artística intercala tamén linografías con grofados, que interactúan co resto da obra gráfica”, explica Pastor Rodríguez.

O obxectivo de Poldras non é só meramente plástico, senón tamén ofrecer un estudo anatómico pormenorizado de todos os personaxes que conformaron Os Caprichos, así como amosar as conclusións máis técnicas da súa análise dun xeito didáctico.

“Entre 1973 e 1977, Dalí creou 80 láminas en heliogravado, que sobrepoñían a súa fantasía sobre os gravados que Goya editara en 1799 e onde tamén variaba os lemas ou lendas goyescas. E malia a orixinalidade dos gravados goyescos, o artista aragonés non partía de cero, pois xa había antecedentes desta forma artística nos artistas flamencos e franceses (Callot emprega xa no século XVIII a expresión Caprichos para as súas creacións)”, sinala Rodríguez.

Estamos, xa que logo, nunha exposición das creacións de Poldras en diálogo co inspirador directo (Goya) e con outro artista universal (Dalí).

17 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.