Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
DIVERSIÓN. As festas do verán comezan este mércores coa homenaxe ó artista Manuel Ayaso // Ruiz asegura que a queima de fogos “será a máis impresionante dos últimos anos” TEXTO Suso Souto

Ribeira iluminarase cun espectáculo piromusical

O Concello de Ribeira inicia este mércores cinco días de troula e diversión no marco das súas festas do verán. O alcalde, Manuel Ruiz Rivas, valora moi positivamente o traballo levado a cabo pola comisión organizadora e fai unha valoración do variado programa elaborado.

Como afronta a celebración das primeiras festas pospandemia?

Penso que para todos é unha enorme ilusión que despois destes dous anos de covid por fin poidamos recuperar a nosa programación tradicional. Respírase no ambiente ás gañas de festa que había, e así estámolo percibindo nos eventos lúdicos que levamos celebrado no que vai de verán, como a Festa da Dorna ou, este mesmo domingo, a Festa do Percebe de Aguiño.

Como califica o cartel deste ano?

Como un cartel moi ben equilibrado, con actividades para todas as idades e de todo tipo: musicais, infantís, culturais, deportivas, litúrxicas e mesmo institucionais, como a homenaxe que lle imos tributar este mércores ao noso Fillo Predilecto, o artista Manuel Ayaso, xusto antes do pregón do xornalista Antonio Rodríguez Naranjo.

As orquestras gañan máis peso que en anos anteriores...

Si. Nesta edición apostouse forte por combinar os aunténticos espectáculos que brindan orquestras como París de Noia ou El Combo Dominicano con grupos nos que hai representación de músicos locais, como Platinum e Finisterre. E tamén se escoitou á xuventude, que nos demandaba a posta en marcha de sesións DJ. De feito, teremos un gran festival na noite do venres que esperamos lle guste á nosa mocidade.

Ten vostede algunha preferencia na programación festiva?

É difícil quedarse cunha soa actividade. A queima de fogos de artificio piromusicais que terá lugar o domingo no Paseo do Touro seguramente será a máis impresionante dos últimos anos, e non podo deixar de salientar a tradicional misa do Carme, seguida de procesión, que volve ás instalacións da lonxa.

Detrás da organización hai un enorme traballo, non é certo?

E non só do Concello. Teño que agradecer sobre todo aos membros da comisión de festas o seu sacrificio, non sempre valorado como se merece. E tamén o apoio que prestan colaboradores, patrocinadores e asociacións e persoas que, dun ou doutro xeito, contribúen a que a celebración estea á altura da cidade.

Máis alá das súas festas de agosto, Ribeira albergará outras actividades lúdicas ao longo do verán?

Efectivamente. Case todas as parroquias terán ou tiveron xa as súas propias festas locais, recibindo o apoio económico e loxístico do Concello. E tamén temos por diante propostas tan interesantes como a feira mariñeira Artemar, o concerto que ofrecerá Iván Ferreiro, a Festa do Polbo da parroquia de Palmeira ou as festas patronais de Santa Uxía.

03 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.