Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
EXPOSICIÓN. Máis de cen obras de Mariano de Souza, Miguel Ángel Lombardía e Manuel Facal forman a nova mostra do Museo do Gravado, adicada ós itinerarios xacobeos e á súa simboloxía // Dezaseis das creacións ilustraron poemas de Novoneyra, Ferrín, García-Bodaño ou Manuel María TEXTO Suso Souto

Ribeira, no ronsel do Camiño

Dende o século XI, o Camiño das Peregrinaxes e a figura de Santiago estiveron presentes en todas as artes ata hoxe: na música, na arquitectura, na escultura, na pintura, na literatura, no cinema e, como non, no gravado dende o século XV, que ca imprenta contribúe á divulgación de Galicia e do seu Camiño.

“Hai noticias, xa dende o século IX, de peregrinos a Compostela e é xa seguro no século X polo bispo de Le Puy que viaxa ao sepulcro de Santiago. O Camiño será para Galicia o xeito de unir a súa identidade á universalidade. E así será na arte con nomes tan importantes como O Greco, ou Frei Luís de León, Otero Pedrayo e García Lorca, Juan de Flandes ou Dalí; a peregrinaxe en Compostela está presente nas nosas cantigas medievais, mais tamén no Cantar do Cid”, sinala o director do citado museo, Pastor Rodríguez.

O gravado, a arte máis popular nos fins da Idade Media e ata o século XX, non podía ser alleo á importancia cultural, artística e relixiosa do Camiño de Santiago. É por iso que este ano o Museo do Gravado de Ribeira quere sumarse ós actos xacobeos ca mostra No ronsel do Camiño. Gravado contemporáneo, que será inaugurada o vindeiro día 18 ás 13.00 horas e que inclúe máis de cen obras de tres artistas: o asturiano Miguel A. Lombardía e os galegos Manuel Facal e Mariano de Souza.

Manuel Facal (Carballo, 1943) é un creador interdisciplinar e, sobre todo, un gravador, aínda que fixese outras creacións (pintura, fotografía, deseño...). Comezou a súa andaina baixo o influxo de Picasso e Dalí, mais tamén de Urbano Lugrís.

En Barcelona cultivou o deseño téxtil, pero seguiu formándose en Francia e Italia e, xa en Londres, aprendeu a técnica da augaforte.

Tras as estadías en Noruega e Porto Rico, regresou a Galicia en 1980 para exercitar o gravado, aínda que logo, dende 1997, se intalase en Málaga. “O seu gravado moveuse sempre entre o figurativismo e a arte abstracta, pero sempre sometendo o mundo representado a unha forte expresividade lírica, que non esquece, na súa universalidade, a presenza de formas ancestrais galegas”, explica Pastor Rodríguez.

Na exposición figuran 16 gravados de Porta a Compostela (2000), que ilustraron a poesía de Luz Pozo, Pura Vázquez, Manuel María, García-Bodaño, Bernardino Graña, Méndez Ferrín e Uxío Novoneyra.

LIBRO DE APUNTES. Pola súa banda, a linguaxe artística de Miguel Ángel Lombardía (Asturias, 1946) partiu do realismo, pero dende 1972 foi o expresionismo social outro novo camiño na súa obra, “para conseguir logo unha singularidade baseada na tridimensionalidade, no aproveitamento de refugallo e de planos reais na base do soporte, para conseguir dimensións escenográficas de forte experimentación espacial e dunha cor propia no xogo de verdes, azuis e brancos”, explica. A súa obra amosa o influxo do Camiño Xacobeo, e foi realizada no ano 1993, incorporando augafortes, o seu libro de apuntes e debuxos.

SIMBOLOXÍA DA PEREGRINAXE. En canto a Mariano De Souza (A Coruña, 1954), este pintor, ilustrador e crítico, que expuxo a súa obra en Italia, Francia, Alemaña, Holanda e Malta, é un bo coñecedor do Camiño de Santiago. Nesta ocasión aporta 45 debuxos orixinais de distintos lugares do Camiño (Compostela, León, Oviedo, Poitiers, San Millán de Suso, Ávila...) e gravados, tamén xacobeos, que reflicten o mundo da peregrinaxe e os seus símbolos.

O alcalde de Ribeira e presidente da fundación que xestiona o museo, Manuel Ruiz, sinala que “é un orgullo para min promover en pleno Ano Santo esta iniciativa cultural aquí, en Outeiro, tan preto do lugar onde se levantaba aquela cidade asolagada chamada Valverde da que fala o propio Códice Calixtino. Porque Barbanza, en xeral, e o municipio de Ribeira, en particular, non son alleos ao fenómeno xacobeo. En absoluto. E non só pola Ruta Marítima da Translatio que rememora a viaxe dos restos do Apóstolo dende que a súa balsa de pedra emborcou pola ría de Arousa ata Iria Flavia, senón tamén polos moitos vestixios que aínda se conservan da existencia dunha ruta terrestre de acompañamento: un itinerario que, tras séculos de esquecemento, estamos felizmente a recuperar e dinamizar para que os valores afíns á tradición xacobea arraiguen e florezan con forza na nosa contorna”.

A mostra poderá visitarse a partir do venres día 18 ata o 18 de agosto. Na sala cero poden verse as obras de Mariano de Souza e, na sala un, as de Miguel Ángel Lombardía e Facal.

areadecompostela@elcorreogallego.es

13 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.