Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Varios arqueólogos din que os prezos da licitación do proxecto, sondaxes e control das obras do recinto industrial están “moi por debaixo do mercado” // O Concello dedica vinte e oito mil euros ós traballos, que incluén sesenta e catro catas TEXTO S. S.

Ribeira sondea o novo polígono: canto custa salvar unha mámoa?

Cando un elemento patrimonial se cruza no medio dun proxecto de urbanización, ou, mellor dito, cando un proxecto de urbanización se cruza cun elemento patrimonial, non entran en xogo valoracións persoais, senón a lei. E a lei di que hai que catalogalos e protexelos. O Concello de Ribeira tardou anos en atopar os terreos axeitados para construír o novo polígono empresarial, de 258.000 m2. O lugar elixido é Pedras Vermellas, onde existe unha mámoa, localizada en 1992, recollida no PXOM e, consecuentemente, incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. O túmulo, que ten uns once metros de diámetro, quedará emplazado dentro do recinto industrial.

A Xunta emitiu unha serie de informes, establecendo as condicións para a execución do proxecto, entre as que figuran a execución de sondaxes arqueolóxicas (mecánicas e manuais) e un control arqueolóxico dos movementos de terra a realizar.

En consecuencia, o Concello sacou un prego de prescricións técnicas para a contratación dos traballos arqueolóxicos. Pero un grupo de arqueólogos denuncian (a título particular) que a valoración económica relativa ao proxecto e, sobre todo, a relativa á redacción de informes e/ou memorias, está moi por debaixo dos actuais prezos de mercado. Ao respecto, indican que no prego de licitación establécense as partidas destinadas ós distintos conceptos obxecto da contratación por un total de 23.232 €: un equipo dirixido por unha persoa con titulación en Arqueoloxía (2.500 €); redacción do proxecto arqueolóxico (400 €); informe e/ou memoria (540 €); a realización de 64 catas (10.880 €); e a realización de 64 sondaxes mecánicas (4.480 €), ao que hai que engadir os 4.032 € do 21 % do IVE.

“Se temos en conta a valoración recollida nos mesmos pregos relativa ao control arqueolóxico (150 € máis IVE por cada xornada de control), sairíanos que á elaboración da memoria das sondaxes manuais e mecánicas (128 m3 en total), teríamos que dedicar un máximo de 3,6 días (incluíndo a elaboración de planimetrías, descritiva da estratigrafía, elaboración das conclusións, preparación da documentación gráfica, estudo de materiais, etc.)”, din.

Engaden que “aparentemente, non se está a cumprir o convenio colectivo de ámbito autonómico de Galicia para a actividade arqueolóxica”, que establece que as sondaxes se realizarán con, polo menos, 5 operarios. “Se isto é así, precísase un director e un técnico. No caso do director si que aparece orzamentado, mais non o técnico que sería necesario que tamén formara parte do equipo de escavación”, explican.

Ademais, denuncian que “ non se teñen en conta partidas necesarias e habituais nunha intervención arqueolóxica, como unha destinada ao estudo de material, procesado e estudo de mostras, ou gasto en material funxible. Tampouco se ten en conta que se precisará un sistema de posicionamento global ao ser preciso traballar en coordenadas absolutas”. Consideran que “o único criterio para a adxudicación dos traballos é a oferta económica máis vantaxosa para os intereses do Concello” e din que “non se entende que a día de hoxe o proceso de contratación non fora aínda paralizado polos servizos de inspección da administración competente”.

o protagonista
“O criterio económico só representa 48 puntos de 100”
Manuel Ruiz Rivas
Alcalde de Ribeira

Os arqueólogos que cuestionan publicamente as condicións de contratación dos traballos en Pedras Vermellas (entre os que figuran varios profesionais da comarca do Barbanza) din que no prego de licitación dos mesmos elaborado polo Concello de Ribeira “non só resulta evidente que a devaluación dos prezos leva consigo unha devaluación da calidade dos traballos que se realizan, senón que tamén supón a consolidación da precariedade laboral que afecta a boa parte do sector”.

Pola súa banda, o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, respostou a estas críticas explicando que “non é certo que o único criterio para a adxudicación dos traballos sexa a oferta máis vantaxosa. De feito, sobre cen puntos a oferta económica representa un máximo de corenta e oito, o que representa menos da metade da valoración”.

“Que nos traballos a desenvolver se vai cumprir a normativa vixente dáse por descontado. Os pregos redactáronse co asesoramento de expertos na materia e, cousa reveladora, entre as preguntas e consultas formuladas no perfil do contratante non se fixo ningunha apreciación ou aclaración” sobre algo que teña que ver coas críticas de dito grupo de arqueólogos.

Finalmente, o mandatario ribeirense tamén aclarou que “os traballos arqueolóxicos teñen un prezo de licitación de 27.930 euros, non de 23.232 euros”.

{ a letra pequena }
Trinta anos baixo os toxos
Suso Souto

NON SE LLE PRESUPÓN interés algún ó Concello de Ribeira por racanear recursos á hora de protexer o seu patrimonio cultural. E, con independencia de que os prezos dos diferentes traballos arqueolóxicos que sacou a licitación no marco do proxecto de construción do novo polígono industrial de Pedras Vermellas se ateñan ou non á legalidade, fan ben os profesionais do gremio en vixiar que esas tarefas se fagan con rigor e que se paguen en xusta medida. Evidentemente, técnicos e expertos teñen a santa nai administración para resolver ó respecto. No caso da mámoa de Pedras Vermellas, cómpre destacar que o proxecto do polígono empresarial vai forzar a posta en valor dun elemento patrimonial que leva tres décadas baixo os toxos.

27 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.