Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ron Lalá e estrea virtual e presencial de Onírica Mecánica no FIOT

Carballo. O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) trae a Carballo esta fin de semana dous dos pratos fortes: Andanzas y entremeses de Juan Rana, de Ron Lalá e a Compañía Nacional de Teatro Clásico (sábado 16, ás 20.30 horas), e Ronem Ram, instalación de Onírica Mecánica (venres 15, ás 17.00 e 22.00 horas no Pazo da Cultura), que denuncia a situación ambiental do Mar Menor, e que terá a súa estrea galega en formato presencial, logo de que o xoves se presentase a versión virtual, no marco do ciclo OTNI.

O sábado 16 tamén se celebrará a segunda xornada da quinta edición do Certame Metro Cadrado, coas estreas absolutas de Na sombra, unha árbore, de Ana Abad de Larriva, e Os crocodilos son bichos extremadamente vaidosos, de Núñez & Is Socios Limitados, o novo proxecto escénico de Jimmy Núñez e Ernesto Is. A primeira peza terá como escenario as portas da Biblioteca Rego da Balsa e a segunda desenvolversase na cafetaría Xardín Municipal.

Por outra banda, este xoves celebrouse a xornada Retos do sector escénico profesional galego fronte á postpandemia. Nela participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen expuxo un resumo das accións levadas a cabo pola Xunta para a reactivación escénica en Galicia e cifrou en 1.380 as funcións de danza, novo circo, maxia e teatro levadas a cabo este ano co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Sutil explicou que a actividade resultante este ano supera en 298 funcións as contabilizadas en 2020 (que foron 1082) e marca aínda máis distancia respecto ás do ano 2019 (911 actuacións). Salientou ademais á oportunidade que brinda o Bono Cultura para continuar con esta progresión no consumo de espectáculos de artes escénicas. M. LAVANDEIRA

14 oct 2021 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.