Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O programa turístico V 12 De Parroquia en Parroquia aborda este mes o patrimonio deste lugar vedrés, así como a flora e a fauna da Ribeira do Ulla // No vídeo do pasado venres móstrase a Área Recreativa de Cubelas // Dende abril tamén se poden ver as pezas no Instagram do Concello TEXTO Claudina Estévez

Ruta por San Pedro de Sarandón

O Concello de Vedra, a través da técnica de Turismo, Charo Canicoba, continúa a mostrarnos os encantos do municipio por medio de elaborados vídeos que, a pesar de estar feitos valéndose do móbil, agochan detrás unha gran documentación e horas de traballo. Estas pezas audiovisuais foron creadas no marco do programa V 12 De Parroquia en Parroquia. Trátase dunha iniciativa que xurdía o pasado mes de novembro de 2020 co obxectivo de ensinarlle ao mundo, e á propia veciñanza, todos os recunchos do municipio vedrés. Nun ano como este no que a pandemia non nos permite socializar nin viaxar, esta proposta facilita coñecer as rutas, o patrimonio e a historia da vila dende a casa.

Este maio o V 12 céntrase en San Pedro de Sarandón (hai que lembrar que cada mes se aborda unha parroquia). O pasado venres, día 7, publicouse o primeiro vídeo, no que, tal e como explica Charo, se abordou “o patrimonio da parroquia, a igrexa, o cruceiro, a antigua escola que foi pagada polos emigrantes de Vedra en Arxentina, e o muíño do Pastel”, conta. Este último venres, día 13, a técnica de Turismo baixa ata a Área Recreativa de Cubelas, e fala das árbores de primeira liña de río, e das árbores en xeral, do ameneiro, o salgueiro, bidueiro, castiñeiro, carballo....

A terceira peza vai abordar os animais da Ribeira do Ulla, “principalmente os protexidos como a nutria, a toupa de río, mexillón de río, pintega, troita ou martiño pescador”, adianta Canicoba. O cuarto e último vídeo centrarase na primavera, e polo tanto, versará sobre unha das grandes protagonistas desta estación: as flores.

Todos os interesados en ver estas pezas que percorren a parroquia de San Pedro de Sarandón non teñen máis ca entrar na web municipal www.concellodevedra.com; na páxina de Facebook @turismoVedra; no Instagram do Concello; ou ben na canle de Youtube (leva o nome do programa). “Estamos publicando no Instagram dende o mes pasado e o certo é que se incrementaron bastante as visitas”, relata Charo.

Aínda quedan itinerarios programados ata o próximo outubro. En xuño a protagonista será Illobre, e en xullo, San Mamede de Ribadulla. Para agosto está previsto un itinerario pola historia e a arquitectura popular de Vilanova, setembro centrarase en San Fins de Sales, e en outubro percorrerase Trobe.

Os que aínda descubran agora estes pequenos “documentais” de Vedra, non poden deixar de botarlle unha ollada aos dos meses anteriores. En novembro, os vídeos centráronse na Ponte Ulla; decembro abordou a parroquia vedresa e a vida cotiá na Galicia de finais do século XIX e principios do XX. No mes de xaneiro percorreuse Santa Cruz de Ribadulla; en febreiro o protagonista foi San Xián de Sales e o Entroido; en marzo os vídeos centráronse na parroquia de Merín; e a ruta virtual do pasado mes de abril fíxose por San Miguel de Sarandón.

17 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.