Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Sábado da Barca e festa ata o amencer en Muxía

Xoel López ofrecerá un concerto no porto de Fisterra // Bicicletas clásicas, pinchos, xogos no río e música na Barquiña de Ponteceso

A Costa da Morte comeza a decir adeus ao verán e faino con moita festa. Un dos pratos fortes é a romaría da Virxe da Barca, de Muxía. Despois do emotivo pregón de Paco Moreta, coñecido como Paco o do Tiovivo, na Praza do Cabo da Vila, chega o popular Sábado da Barca, sinónimo de festa e troula sen fin.

A música non deixará de soar dende primeiras horas da mañá, cando comezarán os pasarrúas. Ás doce do mediodía unha tirada de 21 bombas de palenque recordarán a veciños e romeiros que están a desfrutar da romaría máis popular de Galicia, declarada de Interese Turístico Nacional. A sesión vermú será amenizada por Magos de España.

Será o aperitivo dunha longa noite, na que a música non deixará de soar ata a saída do sol o domingo. Aos escenarios instalados na zona portuaria subirán de novo Magos de España e a orquestra París, que verán complementadas as súas notas musicais coas da disco móbil CDC. Para facer máis máxica aínda a noite, ás 00.30 horas, haberá unha sesión de fogos artificiais.

Será a antesala do día grande da Virxe da Barca, o domingo 11. A misa solemne celebrarase ás 12.30 horas no exterior do santuario e despois sairá a procesión ata o porto onde a Virxe será recibida coa maior traca de bombas de toda Galicia.

O ambiente festivo tamén é protagonista esta fin de semana en Fisterra e Ponteceso. Na vila do Cristo están a celebrar as festas patronais de Santa María das Areas e tamén honran á Virxe do Carme este sábado. A misa solemne celebrarase ao mediodía na lonxa e despois sairán en procesión por mar. Pola tarde, disputarase o VI Campionato Internacional de Futbolín, e pola noite, a partir das 22.00 horas, Xoel López ofrecerá un concerto no porto.

A verbena será amenizada polo Combo Dominicano e a discoteca móbil CDC.

En Ponteceso celebran as festas da Barquiña, que comezan este sábado coa VI Ruta de Pinchos, o XII Aberto de Billa e unha verbena amenizada por América SL, a disco móbil Impacto e os djs Adrián Eiroa e Drew Korme. O domingo, día 11, terán lugar o X Ponteclásico, a VII Ruta de Bicicletas Clásicas e unha xornada de xogos no río. A música chegará cos Magos.

Vimianzo e Zas
Moda e historia

• O castelo de Vimianzo acolle este sábado, día 10, o obradoiro Encadernación, da asociación Aspadex (11.00 horas) e o Desfile do liño, da man da asociación Amigos do Liño de Galicia (19.00 horas). A actividade estará presentada polo modelo Damián Álvarez. O domingo terán lugar as últimas visitas teatralizadas á fortaleza da man de Os Quinquilláns, ás 12.30 e 17.00 horas.

• Nas Torres do Allo o domingo, día 11, Os Quinquilláns darán vida a Francisca Riobóo e a Víctor López Seoane (19.30 horas). De seguido, ás 21.00 horas, haberá unha sesión de contos con Quico Cadaval, que deleitará aos asistentes co seu espectáculo ‘Fantasmas Familiares’.

10 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.