Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Cerca de douscentos animais van ser rapados este sábado e o domingo no marco do popular festexo // Procedían de montes como As Lamas ou A Conla // Faranse test de antíxenos a todos os aloitadores e haberá aforo reducido a un terzo do habitual nos curros por motivos de seguridade TEXTO Claudina Estévez

Sabucedo ten os cabalos e as bestas

Os aloitadores e aloitadoras de Sabucedo (A Estrada) raparán nos curros deste sábado (18.00 horas) e do domingo (12.00 horas) cerca de 200 cabalos e bestas. Reuníronos a todos, coa axuda de centos de voluntarios e voluntarias desde primeira hora da mañá deste venres, no peche do Peón, e procedían desa mesma contorna e tamén de montes próximos como As Lamas ou A Conla. Pero tamén dentro desta cantidade se atopan os animais que xa foran localizados durante as últimas semanas polos membros da Asociación Rapa das Bestas.

A tradicional xornada de subida ao monte na procura dos animais, que comezou ás 06.30 horas coa misa na honra ao patrón da parroquia, San Lourenzo, estivo marcada polas elevadas temperaturas e pola ausencia de néboa, o que facilitou o traballo da búsqueda das bestas, e pola nutrida presenza de xornalistas e de profesionais da fotografía e do sector audiovisual.

Todos os animais congregados no Peón foron conducidos despois das sete da tarde ao peche do Castelo. Xa na xornada deste sábado, pouco despois do mediodía, serán baixados polo centro de Sabucedo ata o peche de Cataroi, lugar desde onde serán conducidos ao curro pouco antes das 18.00 horas.

Cómpre lembrar que o aforo do curro para esta primeira Rapa da era post-COVID será dunhas 500 prazas -un terzo do habitual- e que as entradas vendéronse online e esgotáronse en 12 minutos. Tamén é reseñable lembrar que os aloitadores e aloitadoras se realizarán test de antíxenos antes de baixar ao curro para poder aloitar sen máscaras.

E é que hai que lembrar que xa durante a presentación oficial do evento, o pasado xoves, o presidente da Asociación Rapa das Bestas, Paulo Vicente Monteagudo, facía referencia aos esforzos realizados polo colectivo para sacar adiante esta celebración no contexto da pandemia e apelaba á responsabilidade colectiva para que sexa “un evento seguro e levado a cabo dunha forma honorable”. Este evento, declarado Festa de Interese Turístico Internacional, a máxima distinción que ostentan 12 celebracións en Galicia, permite amosar o rural da nosa Comunidade ao mundo. De feito, dende a organización sinalaron que están acreditados para cubrir o agardado evento 92 profesinais procedentes de seis países: España, Portugal, Estados Unidos, Corea do Sur, República Checa e Dinamarca.

En relación a esta cifra, indicaron que un grupo de 27 persoas xa as mobiliza o director de cine Rodrigo Sorogoyen, que gravará no curro de Sabucedo imaxes para a súa próxima película, As bestas. Ademais, desde New York chegará ata a localidade estradense a produtora Cinexin Studios para completar a gravación dun documental no que levan traballando desde hai varios anos, igual que a produtora galega Mondotropo, que segue a filmar o documental A Rapa. Por outra banda, entre a representación de medios estranxeiros tamén se atopan un equipo de reporteiros da televisión pública checa (Czeska Televice), a directora de cine danesa Robin Petré, a fotógrafa de Corea do Sur Taejay Lee e fotógrafos portugueses.

28 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.