Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A Ermida de San Bartolomeu será o escenario da observación astronómica que tamén permitirá coñecer estrelas dobres, nebulosas e cúmulos estelares // O grupo da Asociación Cultural Ximiela de Louro rematará a sesión coa súa música TEXTO Ana Pérez

Santa Comba vai mirar o ceo este sábado para ver Saturno

O Concello de Santa Comba ultima para este sábado unha das interesantes actividades do programa científico-cultural denominado A Vía Láctea e outros motivos Xacobeos do Camiño, que leva a cabo o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Xacobeo, para achegar á poboación a relación directa e decisiva da astronomía co Camiño de Santiago, e concretamente da Vía Láctea como auténtica guía dos peregrinos cara a Compostela.

O marco para unha sesión destas características non podería ser máis axeitado que un observatorio natural e un auténtico lugar máxico como é o entorno da Ermida de San Bartolomeu, no monte do mesmo nome, no lugar do Busto (Santa Sabiña), onde o Concello xalleiro organiza dende hai anos diversas actividades para a difusión da astronomía e dos espazos naturais para a observación das estrelas.

As previsións meteorolóxicas para a xornada, en principio, son favorables, aínda que se recomenda algo de abrigo, dado que este ano, ademais, amplíase a actividade conectando a astronomía coa oferta cultural. Así, ao remate da actividade divulgativa os asistentes poderán desfrutar dunha actuación de música tradicional a cargo do grupo da Asociación Cultural Ximiela de Louro, que está encadrada dentro da rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña.

Na xornada do sábado 20 de agosto realizarase unha ruta camiñando, con saída dende a Casa da Escola do Busto a partir das 21.15 horas, para subir ao emblemático Monte de San Bartolomeu, onde, aproximadamente a partir das dez da noite, os profesionais do observatorio da universidade santiaguesa achegarán ao público unha realidade celeste na que se integra o noso Planeta, que é a Vía Láctea e sen a cal sería imposible comprender o fenómeno do Camiño de Santiago tal e como se orixinou, relación que perdura ata a actualidade.

Esa observación guiada contará con material accesible aos participantes para que poidan desfrutar de primeira man cos telescopios e teñan a oportunidade de converterse en astrónomos por un día.

O propio director do Observatorio Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, explicou en Radio Xallas os pormenores da actividade con eloxios para o lugar escollido. “Xa estivemos ahí varios anos; eu mesmo estiven o ano pasado. San Bartolomeu é un sitio bastante bo para observar o ceo. En canto á actividade, está dirixida a todos os públicos e todas as idades e non é necesario ter coñecemento previo. Terá unha parte principal astronómica e outra que xirará en torno á historia da arte e a arte xacobea”.

Este sábado en Santa Comba, según indica José Ángel Docobo, “teremos a oportunidade de ver o planeta Saturno, algunhas estrelas dobres e obxectos do ceo profundo, como nebulosas ou cúmulos estelares. Este ano os planetas principais, que son Xúpiter e Saturno, tardaron un tempo en poder ser observados a primeiras horas da noite, e xusto a mediados de agosto Saturno empézase a ver”.

Para o director do observatorio compostelán “o contacto directo co ceo buscando lugares abertos como San Bartolomeu é esencial. É un contacto máis coa natureza. O importante deste tipo de sesións é que a xente desfrute do que vai facer, observe e aprenda”.

Cando remate a parte científica comezará a parte cultural, coa actuación, no entorno da ermida, dun dos grupos referentes da música tradicional galega na provincia da Coruña, como é o da Asociación Cultural Ximiela de Louro, que porá banda sonora de raíz ás estrelas que se ven cada noite desde a localidade de San Bartolomeu.

As inscricións para esta actividade, gratuíta e aberta a todo o público, pódense formalizar ata este 19 de agosto no enlace que se atopa na web municipal (www.santacomba.es). É necesario inscribirse, xa que todos os participantes estarán cubertos por un seguro.

O Concello de Santa Comba agradece a magnífica disposición do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, a través da figura do seu director, José Ángel Docobo, sempre accesible para traer a Santa Comba programas de divulgación relacionados coa astronomía e que atopan en San Bartolomeu un escenario de categoría, no que cada ano se congregan multitude de veciños e visitantes.

19 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.