Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Santomil suma competencias en Axenda Urbana e liderará o traballo ca mira no reto 2030

García modificou as concellerías delegadas situando ó edil de Educación á fronte das políticas de desenvolvemento sostible

O alcalde de Ames, Blas García, asinou este luns 27 un decreto para a modificación das concellerías delegadas, engadindo ao réxime de delegacións a de Axenda Urbana. Esta nova área será xestionada por David Santomil, que deste xeito pasará a ser concelleiro de Educación e Axenda Urbana, que comprende as áreas de Educación, Servizos Educativos Complementarios, Patrimonio Histórico e Axenda Urbana.

O obxectivo é aglutinar dentro dunha mesma área todo o traballo relacionado coa Axenda 2030. Na actualidade estase na fase inicial de elaboración do documento da Axenda 2030 do Concello.

A Corporación municipal aprobou por unanimidade no pleno ordinario de outubro do pasado ano o acordo para a adhesión do Concello de Ames á Rede de Entidades Locais para a implementación e desenvolvemento da Axenda 2030. A finalidade deste proxecto é favorecer a coordinación de actuacións entre os gobernos locais para lograr o desenvolvemento sostible. Para avanzar neste eido, o executivo local de Ames vén de crear unha nova concellería na que se inclúe a área de Axenda Urbana.

Santomil tivo as competencias de Educación e Cultura durante o mandato 2015-2019 e dende 2019 ata a actualidade xestionaba a concellería de Educación e Patrimonio Histórico.

O alcalde, Blas García, delegou esta área nel (que é ademais primeiro tenente de alcalde) para que sexa quen se encargue de coordinar os traballos relacionados con este proxecto estratéxico.

Lembra ademais o alcalde que Santomil “é a persoa axeitada para xestionar a área de Axenda Urbana pola súa formación académica e de investigación, xa que é licenciado con grao en Xeografía e doutor en Xeografía e Análise do Territorio pola Universidade de Santiago de Compostela”.

“O obxectivo é aglutinar dentro dunha mesma área todo o traballo relacionado coa Axenda 2030, que se vai a facer durante os vindeiros anos”, sinalou a rexedor.

Deste xeito, preténdese recoller dentro do documento final da Axenda 2030, que na actualidade está en fase inicial, o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) e a EDUSI Impulsa Ames.

Santomil destaca que “a Axenda Urbana de Ames vai ser o documento estratéxico cara o ano 2030, no que se integran todas as actuacións no territorio (PXOM, EDUSI, PMUS...) e que vai ser fundamental para captar novos fondos europeos no futuro próximo. Todo un reto e un orgullo tamén, pois é unha área relacionada coa miña formación académica e de investigación. Agradezo a confianza depositada en min por parte dos compañeiros e compañeiras do goberno e, especialmente, do alcalde”.

No Plan Ames Progresa 2021-2023 inclúese unha cantidade orzamentaria de 100.000 euros. A razón débese a que a Axenda Urbana é a folla de ruta que vai marcar a estratexia e as accións para levar a cabo na vindeira década para facer do concello un lugar de convivencia máis amable, ordenado e saudable.

críticas do pp
“Xestión nefasta e reprobada”

··· A resposta á modificación das concellerías delegadas non se fixo esperar, e dende o Partido Popular de Ames lembran que David Santomil “é o único membro do goberno local cuxa nefasta xestión foi reprobada pola Corporación municipal, no pleno de xaneiro de 2017”. A formación considera que “a implementación e desenvolvemento da Axenda 2030 acumula un extraordinario retraso”. Asimesmo, indica que “dende que no pleno ordinario do 29 de outubro de 2020 se acordou, por unanimidade da Corporación, a adhesión do Concello de Ames á rede de entidades locais para o desenvolvemento dos obxectivos da Axenda 2030, apenas nada se fixo salvo comprometernos a pagar a cuota anual duns 1.500 €, propaganda e fotos. A última, a deste pasado día 28, pola que se anunciaba a creación da concellería de Axenda Urbana para o desenvolvemento da Axenda 2030. Unha noticia que ben podía ter sido unha inocentada”.

31 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.