Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Segue a loita: piden axilizar a reapertura da mina de Touro

A Plataforma e a veciñanza solicitan que se presente o novo proxecto á Administración

A Asociación Plataforma Mineiros de Touro e O Pino e ambos concellos implicados continúan reclamando “unha oportunidade para a reactivación económica e demográfica da comarca. A Galicia abandonada ten poucas oportunidades de desenvolvemento, e esta é unha, por iso non entendemos que se poida deixar escapar”, expresan os membros da Plataforma.

“Reclamámoslle á empresa que se presente o novo proxecto”, din. Pídenlles que non desistan e que acheguen a documentación requirida ante a Administración “para que se poida axilizar na medida do posible”.

E, por outro lado, reclámanlle á Administración “que teña en conta á xente local, á Galicia abandonada, e que non miren para outro lado cando determinados colectivos que só buscan réditos electorais fagan uso da manipulación e das verdades a medias para conseguir paralizar o proxecto”, sentencian.

Esa “España Vaciada” da que tanto falan, proseguen, “ten nomes e apelidos, e podedes atopala en Touro e O Pino”. O reto demográfico e a reactivación do rural, “que ocupan tantos titulares ultimamente, poden promoverse en Touro e O Pino, coa reapertura da mina”, concreta a Plataforma. A reactivación económica e a reindustrialización de Galicia, “tamén teñen no proxecto minero unha grandísima oportunidade”, aseguran,

Dirixen unha serie de preguntas ás administracións: “Queredes reactivar as zonas rurais despoboadas? Queredes impulsar o rural, e favorecer que a xente que queira vivir e traballar nel, poida facelo? Queredes promover a recuperación económica e non deixar que morra a nosa industria? Se a resposta é si, unha das cousas que podedes facer por Galicia é a aprobación do proxecto minero. Non deixemos que se queden só en palabras e en grandes titulares”, alentan.

E aos colectivos contrarios á mina dirixen a seguinte reflexión: “Coma vós, nós tamén queremos a nosa terra. Tamén nos preocupa, e esiximos que se cumpra a normativa e que se fagan as cousas da única forma posible: con excelencia. Precisamente, porque queremos tanto o noso rural, non queremos que desapareza, que siga pouco a pouco quedando sen comercio, sen industria, sen xente... Por favor, pedimos que se trate o tema con rigorosidade e se eviten as manipulacións e verdades a medias, porque hai moito en xogo”.

Lembran que é “un tema serio, e como tal gustaríanos que se tratase”. Están en xogo centos de postos de traballo, e a posibilidade de mellorar as condicións medioambientais e socioeconómicas do noso entorno, dunha parte desa “España Vaciada”. E, sobre todo, “está en xogo o noso futuro”, repiten.

A Plataforma de mineiros, así como toda a veciñanza de Touro e O Pino que defende o proxecto, están dacordo en que é “solvente” e “mellorará o noso entorno, restaurando toda a zona dende o minuto cero”. Ademais dos postos de traballo que vai xerar na zona, promoverá a innovación no rural, a sostibilidade, “e será a solución de moitos dos problemas que temos agora mesmo. A que esperamos para poñelo en marcha?”, pregúntanse.

02 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.