Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O goberno de Arzúa aprobou o plan de reurbanización da segunda fase desta rúa, unha das principais arterias que vertebran o casco urbano da vila // As obras contan cun orzamento de algo máis de medio millón de euros // Búscase mellorar a súa funcionalidade e, sobre todo, a seguridade viaria TEXTO C. Estévez

Segue o proxecto de Fraga do Rei

A sesión plenaria celebrada en Arzúa o pasado mes de setembro deu luz verde á aprobación do proxecto de reurbanización da segunda fase da rúa Fraga do Rei, unha das principais arterias que vertebran o casco urbano da vila.

O novo proxecto, que contempla a renovación desta importante vía ao longo dun tramo de 250 metros, que abrangue dende o punto donde remataron os traballos da primeira fase de acondicionamento da rúa ata a súa finalización na avenida de Lugo, non contou cos votos favorables nin do Partido Popular nin do Bloque Nacionalista Galego.

A iniciativa, que conta cun orzamento de 526.091 euros, poderá tramitarse para a súa execución nos vindeiros meses grazas ao compromiso do goberno municipal. Foi o alcalde, José Luís García, xunto coa concelleira de Obras, a socialista Begoña Balado, os que decidiron reservar esta cantidade dos fondos do POS adicional que financia a Deputación Provincial.

Esta segunda fase de reurbanización da rúa Fraga do Rei seguirá idénticas directrices ás empregadas no tramo de rúa xa reurbanizado dende a travesía da Feira e no que o goberno municipal xa investiu un total de 250.000 euros (tamén do POS adicional) que deixan á vista unha vía cunha imaxe completamente renovada.

O obxectivo desta segunda fase de reurbanización da céntrica rúa é, en palabras do propio alcalde, “mellorar a súa funcionalidade e, ante todo, a seguridade viaria, cumprindo en todo momento coa lexislación en materia urbanística”. O tramo de vía sobre o que se vai actuar ten dobre sentido de circulación, beirarrúas en ambas marxes cun ancho inferior ao metro e medio, bandas de aparcamento sen delimitar, así como un firme cun importante estado de deterioro.

Un dos principais inconvintes sinalados polos técnicos municipais é a falta de ordenación do tráfico, o que provoca un estacionamento descontrolado dos vehículos que chegan a invadir os carrís de circulación. A proposta técnica para cambiar esta situación pasa por delimitar zonas para o estacionamento de vehículos de dous metros de ancho, xunto con beirarrúas de máis de 1,80 metros. A proposta inclúe a reordenación da circulación viaria mediante un carril de sentido único dende a avenida de Lugo ata a rúa Castelao; e entre esta vía e a Fraga do Rei, conservar o dobre sentido de circulación para garantir os cambios de sentido, e a conexión coas rúas adxacentes.

Os planos do proxecto de reurbanización da rúa poden ser consultados por calquera persoa na páxina web municipal e de igual maneira as dúbidas que xurdan ou as consultas que se desexen facer ao respecto serán atendidas polo persoal do departamento de Urbanismo municipal, “a onde poden dirixirse todas as persoas interesadas en coñecer os detalles dunha actuación que imprimirá unha imaxe renovada, moderna e coidada a unha das principais rúas do municipio”, apuntan dende o goberno local.

Hai que lembrar que o Concello vén de adxudicar outro proxecto de rehabilitación: o da Casa do Peregrino, cuxo uso se definirá segundo as necesidades. Tamén está lista a antiga Casa de Correos para acoller nun futuro actividades de tipo cultural. Son todos eles iniciativas que fan crecer o municipio.

O PROTAGONISTA
“Un compromiso en firme”
José Luís García
Alcalde de Arzúa

“Esta actuación responde a un compromiso en firme do goberno municipal cos veciños e veciñas da rúa Fraga do Rei, que é unha das máis importantes da vila e que precisaba dunha importante remodelación”, sinala o rexedor arzuán. “Había que conseguir financiación para iso, o que non foi nada doado”, sinala José Luís García.

“Agora que existe este compromiso de investimento, a rúa vaise acondicionar seguindo estritos criterios técnicos e cumprindo coa legalidade urbanística”, aclara o alcalde.

Sobre o proxecto que se presentou di que “non é que haxa outras alternativas a el, senón que é o único que tecnicamente sería viable”, recalca. O rexedor reitera que convida a todos os veciños que queiran coñecer o proxecto ou que queiran recoller algún tipo de información ou teñan algunha dúbida, a que consulten os planos que están a disposición de todos na páxina web municipal (arzua.gal) ou ben a que se dirixan ao departamento de Urbanismo calquera día pola mañá, onde serán atendidos por un técnico.

{ A OLLADA }
Un rural atractivo
Claudina Estévez

Tal e como explican dende o goberno local, a rúa Fraga do Rei é unha das máis importantes do casco urbano do municipio arzuán, polo que os traballos de mellora que se farán na mesma serán fundamentais para garantir a seguridade viaria. O firme atópase en mal estado e o estacionamento é descontrolado, polo que os vehículos chegan a invadir os carrís de circulación. As obras son, dende logo, unha boa nova para toda a veciñanza da zona. O Concello de Arzúa borra da lista de “pendentes” outro proxecto, que se suma ao da Casa de Correos (que xa está lista) e á adxudicación para reformar a Casa da Peregrino. Son todos eles plans dirixidos a mellorar a calidade de vida, o que fai ao rural cada vez máis atractivo para vivir.

06 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.