Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Segundo intento en Muxía para salvar o Plan Único

O alcalde da, agora, vía libre á oposición para que presenten os proxectos // PP e non adscritos lamentan a actitude do rexedor

Despois de que a oposición de Muxía, cos votos contrarios de PP e non adscritos (exsocialistas), rexeitase as propostas do Plan Único feitas polo goberno local (PSOE), o alcalde, Iago Toba, remitíulles este xoves un documento oficial para que “poidan presentar un plan alternativo antes das 23.59 horas, que será aprobado polo grupo de goberno sen poñer trabas nin condicións”.

Di que antepoñen así “os intereses da veciñanza a calquera outros”, e que o seu goberno, a pesar da indignación “por esta situación de bloqueo” considera “máis importante a mellora das infraestruturas e a calidade de vida dos veciños que outros intereses políticos ou persoais”.

Tamén o PSOE provincial “insta” aos grupos municipais a que aproben o POS “para non perder un investimento tan importante”, e apela “á responsabilidade” para que reconsideren a súa postura.

Cabe sinalar que tanto PP como os edís non adscritos rexeitaron a proposta porque, a diferenza do que manifestou o alcalde, aseguran que non se incluiron dúas das obras que eles solicitaron xa no mes de decembro. En concreto, o acondicionamento da depuradora de Quintáns, que o rexedor prometeu incluir no Plan Adicional, e a mellora da vía de Armear a Labexo, “pois o proxecto que se presenta é o doutra estrada”.

A portavoz do PP, Sandra Vilela, califica de “arma envenenada” a nova proposta do alcalde, “pois agora pretende que a oposición presente un POS en oito horas cando el tivo oito meses para facelo”. Non obstante, sinalou que “daremos unha resposta, pois somos un partido responsable, aínda que nos sorprende este cambio”.

Vilela quere deixar claro que “o alcalde mentiu cando dixo que incluirá as obras pedidas pola oposición, e el é o único responsable de que se chegara a esta situación”.

Pola súa banda, a edil non adscrita, Mónica Vilela, acusa a Iago Toba de “querer tirar agora a pelota á oposición e de ter presa, cando el podía haber convocado o pleno hai 15 días, pero deixouno para o día anterior a que se acabase o prazo para presentar os proxectos na Deputación”.

Entende que “xogou as súas bazas, pero saíulle mal” e non entende tampouco a actitude do alcalde, “pois el sabe desde o 17 de decembro as obras que nós solicitamos, pero das catro que pedimos só incluíu dúas”.

Vilela aclara que “nós non somos tránsfugas” –como os cualifica o alcalde– “pois non marchamos a ningún partido”, e afirma que non van tolerar “máis insultos”.

Pola súa banda, o portavoz do BNG, Carlos Fernández, que sí aprobou o plan “por responsabilidade”, asegura que “o que vimos no pleno, máis aló das descalificacións e insultos aos que nos teñen acostumados, foi unha loita de egos desbocados”. Considera que “os políticos están para resolver problemas, non para crealos”. Achaca a esa “loita de personalismos” o feito de que “ningún deles fixera o máis mínimo esforzo para reconducir a situación, incluído o alcalde”.

Hai que lembrar que o pasado ano tamén se rexeitara inicialmente o plan provincial, pero finalmente saíu adiante nunha segunda sesión. Haberá que ver se este ano se repite a historia.

11 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.