Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Senda Nova transforma os camiños e hortas en aulas da súa escola ambiental

Achegarán aos escolares ao patrimonio cultural, ecolóxico e paisaxístico

Dez anos avalan a traxectoria da Escola Ambiental de Senda Nova, que naceu co fin de achegar aos máis cativos ao patrimonio que teñen moi preto das súas casas e que “nunha gran maioría dos casos descoñecen a súa existencia e a súa gran importancia”, sinalan dende a asociación.

Agora veñen de abrir o prazo de inscrición para a décimo primeira edición, que botará a andar en novembro e desenvolverase todos os sábados ata o mes de xullo no Espazo de Natureza de Oza (Carballo). Este será o campamento base onde se impartirán as clases teóricas, pero o outro módulo destacado da formación terá como escenario a horta ecolóxica de Senda Nova e os camiños, corredoiras e montes polos que os nenos e nenas seguirán pegadas e indicios, farán pernoctas ao aire libre, practicarán sendeirismo e desfrutarán de observacións ornitolóxicas, entre outras moitas actividades.

Sabedores de que estes nenos e nenas serán, nun futuro moi próximo, os encargados de potenciar e dar a coñecer todo o patrimonio da súa contorna, no colectivo ambiental, que preside José M. Menéndez, teñen claro que “para iso, primeiro son eles os que se teñen que achegar a el”.

Con tal fin, a Escola Ambiental achegaraos a lugares tan especiais como ás férvedas de Rus e Entrecruces, ou o espazo natural, ecolóxico e social de Razo-Baldaio, pero tamén coñecerán a importancia dos ríos e bosques percorrendo o fascinante espazo forestal autóctono da Ribeira da Pena. Asemade, descubrirán como vivían os poboadores dos castros, que tiñan abundantes asentamentos na comarca de Bergantiños.

Aprenderán a desfrutar da natureza, aínda que chova, e observarán aves que percorren Europa para vir a gozar da lagoa de Baldaio. Todo elo complementarase con encontros interxeracionais para que coñezan como traballaban a terra e coidaban dos animais os avós e as avoas.

Inscricións
Ata o 16 de novembro

··· Poderán anotarse os nenos e nenas de Carballo que cursen 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria. O prazo de inscrición da décimo primeira escola ambiental estará aberto ata o 16 de novembro, e os interesados poderán apuntarse na libraría Clarión (rúa Valle Inclán). As prazas son limitadas e atenderase a orde de inscrición. Máis información en sendanova@hotmail.com ou chamando aos números de teléfono 611 037 617 ou 611 037 614.

··· As clases celebraranse o sábados, principalmente en horario de mañá, aínda que algunhas actividades poderían trasladarse aos domingos. Desde Senda Nova destacan o apoio do Concello carballés e das familias.

27 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.