Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Sendeirismo. Oito roteiros encherán de contido a décimo terceira Primavera en Ruta // Achegarán aos camiñantes a ríos, bosques atlánticos, petróglifos, batáns, megalitos e outros espazos de interese paisaxístico e cultural TEXTO Manuel Lavandeira

Senda Nova volve aos camiños para aprender do medio rural

A asociación Senda Nova xa ten deseñada a XIII Primavera en Ruta para saír ao encontro da aprendizaxe co entorno e os recursos naturais, culturais e paisaxísticos como principal obxectivo.

O Espazo da Natureza de Oza recibiu a medio cento de persoas para acoller de xeito especial o inicio dunha nova edición do programa máis antigo e emblemático do colectivo ambiental. O nexo de Senda Nova co sendeirismo consciente é un aval dende os inicios da entidade.

Nesta décimo terceira edición, a Primavera en Ruta ofrece un total de oito roteiros de dificultade media e baixa. Os camiñantes botaranse aos camiños o vindeiro 24 de abril pola ruta O Son do Anllóns, que discorre por Carballo, Sísamo, Goiáns, Verdes, Cereo e Corcoesto.

A seguinte cita será o roteiro dos Camiños de Aldemunde (1 de maio), por terras de Rodís, Andoio e Aldemunde, que achegará aos sendeiristas ao corazón do bosque atlántico. Á semana seguinte coñecerán o Coristanco Histórico (8 de maio), visitando Seavia, Ferreira, Couso e Cuns. De aí pasarán ao concello de Cabana para percorrer a Ruta das Mámoas (15 de maio), por Nantón e Rioboo, para desfrutar da maxia dos petróglifos e dos megalitos.

Un ano máis viaxarán tamén ao municipio de Trazo para percorrer o roteiro A Forza do río Chonia (22 de maio), ao carón do cal descubrirán batáns escondidos e pazos señoriais nos lugares de Monzo, Restande, Benza, Xavestre e Portomeiro. O mes de maio rematarano en Malpica coa ruta Costa Agreste de Cerqueda e Cambre (o día 29).

A XIII Primavera en Ruta rematará en xuño con dous roteiros: un polas Terras Altas de Soneira (día 5), para contemplar Soneira dende os balcóns salvaxes de Pico de Meda, e outra polos Camiños de Caión (día 12). Neste caso subirán ata os balcóns sobre o Atlántico.

Todos os roteiros foron deseñados para pasar por lugares de interese cultural, natural e paisaxístico, coa fin de “poñer en valor o noso patrimonio e para escapar do asfalto”, afirman dende Senda Nova. Ademais, as rutas estarán coordinadas por guías titulados e todos os camiñantes estarán asegurados. Dende a organización encargaranse do transporte dende os lugares habilitados.

Os interesados en participar poderán inscribirse ata dous días antes de cada roteiro na base de Protección Civil de Carballo, nos departamentos de Cultura e Deportes da Laracha e Coristanco, ou no Espazo da Natureza de Oza (mércores, xoves e venres, de 17.00 a 20.00 horas). Os socios de Senda Nova deberán aboar unha cota de 6 euros os maiores de idade, e de 4 € os menores. Pola súa banda, os non asociados pagarán 8 e 6 euros, respectivamente.

Quenes desexen obter máis información poden consultar a páxina web www.sendanova.org, contactar coa asociación a través do correo sendanova@hotmail.com ou chamar ó teléfono 611 037 617.

Dende a entidade queren agradecer cada un dos esforzos que suman no proxecto, “dende o voluntariado de Senda Nova pasando polos concellos de Carballo, A Laracha, Coristanco, Malpica de Bergantiños e Zas, así como a agrupación de Protección Civil de Carballo”, sinalan.

SEMENTANDO FUTURO. No acto de presentación estivo presente a rapazada da Escola Ambiental, que foi protagonista dun interesante percorrido guiado polas súas instalacións e actividades. Dende o pulo e a enerxía da xente nova, as rapazas e rapaces transmitiron ao conxunto das persoas asistentes información sobre a horta ecolóxica, que se multiplicou en relación con anteriores edicións.

13 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.