Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Servizos básicos e sociais suman o 40 % do gasto no orzamento 2022

Alcanza os 28,7 millóns, un 3,7 % menos que o do pasado ano // O BNG suliña a continuidade que acadou co tripartito // No PSOE gaban a aposta pola saúde

O executivo tripartito de Ames presentou o orzamento de 2022, por 28.707.012 euros, un 3,7 por cento inferior ao de 2021. Segundo a concelleira de Economía, Genma Otero, apostarase “polos servizos básicos, que segue a ser á area de maior gasto, con 6.335.568 euros (22,07 %), seguida de educación, con 5.242.367 euros (18,26 %) e servizos sociais e promoción social, cun crédito asignado de 2.556.653 euros (9 %)”, trasladaba o xoves.

Antes de dita presentación o goberno municipal mantivo diferentes contactos cos grupos políticos da oposición e deu un prazo para achegar propostas co obxectivo de tratar de chegar a acordos para a aprobación do orzamento municipal de 2022 do Concello de Ames. O goberno municipal tamén negociou en mesa xeral de negociación, cos representantes sindicais do persoal municipal, o crédito asignado ao capítulo I de persoal. Finalmente, tivéronse en conta as de Ames Novo, debido a que as propostas do PP sumaban “máis de cinco millóns”, segundo o rexedor, e Cidadáns non presentou. Blas García, ademais, gabou o apoio do Goberno central e da Deputación, pero non o da Xunta, lembrando que leva anos conxelando os fondos.

“Parece que xa é algo normal, pero ata que nós chegamos ao goberno en 2015 non era o normal, xa que o que se facía era prorrogar orzamentos anteriores. Por iso hoxe é un día importante para este goberno, porque se plasma neste documento o traballo feito durante moitos meses. É un orzamento dirixido ás persoas e pensado para os veciños e veciñas de Ames, e vese claramente, xa que as tres áreas máis importantes son as de servizos básicos, educación e servizos sociais”, suliñaba o mandatario local.

Ao seu xuízo, “a aprobación dos últimos orzamentos favoreceu a estabilidade e tranquilidade no goberno de Ames, algo que percibe a veciñanza. Neste orzamento apóstase polas persoas e pola mellora dos servizos a través de contratos como o de limpeza viaria, monitoraxe e conciliación, brigada municipal de limpeza do rural, mantemento de parques infantís, xardinería, alumeado LED nos núcleos urbanos e no rural”, entre outras cousas.

A concelleira de Economía e Facenda fixo fincapé en que “é o orzamento da veciñanza, pensado para as veciñas e veciños de Ames”. Explica que “o orzamento medra apuntalando, reforzando e blindando os servizos públicos. Ademais, aposta por continuar co esforzo no investimento público, incorporando este ano o crédito para a realización de investimentos da EDUSI Impulsa Ames, pendentes de executar, e actuacións do plan Ames Progresa”. Ademais, agradeceu as achegas económicas feitas polo Estado e pola Deputación da Coruña que permitirán poder afrontar parte dos gastos previstos. Referiuse tamén á situación financeira do Concello de Ames como boa.

“En 2015, cando entramos no goberno municipal, había unha débeda bancaria de máis de 5 millóns de euros. Posteriormente, en 2017 amortizouse toda a débeda existente e, a partir de aí, concertáronse varias operacións de crédito para financiar a achega de fondos propios que ten que poñer o Concello na EDUSI Impulsa Ames. Deste xeito, a 31 de decembro de 2021 a débeda bancaria era de 942.000 euros”, sinalou.

O voceiro do BNG, David Santomil, fixo unha valoración moi positiva das partidas para este ano, e destacou tres cuestións fundamentalmente. “Trátase do orzamento da estabilidade, porque aporta continuidade ao traballo que está realizando este grupo de goberno dende 2015. É o sexto orzamento que se vai aprobar. Isto aportou a necesaria estabilidade no traballo”, dixo, nestes anos, sen esquecer o consenso que amosan as tres forzas e que serán partidas de futuro, pois as de 2023 chegarán en ano electoral.

E dende o PSOE, Luísa Feijóo aplaudía o incremento no gasto en promoción da saúde, sen esquecer a mental. “É un orzamento realista, adaptado á situación actual e á realidade do noso municipio. Apostamos por seguir mantendo uns servizos de calidade, que fan de Ames un concello atractivo para vivir, tal e como demostra o ritmo ascendente da nosa poboación”, sinalou.

Destacan os investimentos en sumidoiros e abastecemento. Tamén se recolle o novo contrato de limpeza viaria con ampliación de zonas e frecuencias e coa posta en marcha do punto limpo móbil. Ademais, inclúense novas licitacións dos contratos de xardinería e para o mantemento de parques e xardíns, así como a continuidade do plan de mantemento do rural e o remate das actuacións de cambio de farolas.

04 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.