Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Setenta familias recibiron xa en Ames lotes de doces de Nadal e outras 180, comida perecedoira

Participaron o Banco de Alimentos Rías Altas e as campañas de doazóns do colexio Trisquel e do instituto de Bertamiráns

O Nadal é tempo de festa para uns, de tristura ou melancolía para quen ten cadeiras baleiras na súa casa e tamén é a época na que a solidariedade debe estar máis presente que nunca con aqueles que o están a pasar mal e que non poden pasar unhas festas de xeito digno. E niso os veciños de Ames e o propio Concello xa teñen demostrado máis dunha vez que saben estar cando se precisa deles.

As familias que acoden semanalmente aos almacéns de alimentos do Milladoiro e Bertamiráns están a recibir lotes con doces tradicionais do Nadal durante estas últimas semanas de ano.

Preto de setenta unidades familiares xa se beneficiaron destas entregas, posibles grazas ao aporte habitual do Banco de Alimentos Rías Altas, así como a varias campañas de doazóns no Colexio Trisquel, da Silvouta e no IES de Ames, de Bertamiráns.

Ademais, a comezos de decembro este programa municipal repartiu a preto de 180 familias alimentos non perecedoiros, procedentes do Fead (o Fondo de Axuda Europea para as Persoas máis Desfavorecidas).

De maneira habitual o Programa Municipal de Alimentos realiza campañas especiais coa chegada do Nadal, como a elaboración de menús de Noiteboa ou o reparto de confeitos, que volve neste ano 2021. Ata o momento foron repartidos uns 70 lotes de doces de Nadal nas entregas semanais de alimentos realizadas nos almacéns do Milladoiro e de Bertamiráns, preparados grazas a dúas campañas de doazóns no Instituto de Ensino Secundario de Ames (Bertamiráns) e no Colexio Trisquel (A Silvouta) e á colaboración habitual co Banco de Alimentos Rías Altas, que dota de provisións ao programa durante o ano.

Estas entregas especiais durante o mes de decembro súmanse á segunda das dúas grandes reparticións de alimentos non perecedoiros con fondos procedentes do mencionado Fondo de Axuda Europea para as Persoas máis Desfavorecidas.

Arredor de 90 familias no Milladoiro e 85 en Bertamiráns recolleron estes lotes os días 1 e 2 de decembro, días nos que colaboraron persoal municipal e voluntariado para repartir alimentos básicos, como conservas, pasta, arroz, aceite, legumes, leite, galletas e alimentos infantís, atendendo ás necesidades específicas de cada familia.

TRES PROGRAMAS. O Programa Municipal de Alimentos está xestionado pola concellería de Benestar Social. As súas provisións proceden principalmente de tres programas: o Fondo de Axuda Europea para as Persoas máis Desfavorecidas, o Fondo Galego de Garantía Agraria e o Banco de Alimentos Rías Altas. A próxima gran repartición de non perecedoiros do Fead terá lugar entre marzo e abril de 2022, segundo as previsións efectuadas polos técnicos municipais.

29 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.