Silleda prepárase para a gran Feira
Inmersa por completo en pechar as últimas pinceladas da programación e os expositores participantes. Ese é o punto no que se atopa agora mesmo a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que terá lugar no recinto feiral de Silleda (Feira Internacional de Galicia Abanca) do 3 ao 5 de setembro. Aínda que o evento se desenvolve habitualmente no mes de xuño, nesta ocasión trasladou as súas datas debido á situación sanitaria derivada da COVID. Esta cita supón unha edición de transición para recuperar en 2022, xa nas súas datas habituais, a súa condición de maior certame multisectorial de mostras e lecer do noroeste peninsular.
De momento estase pechando o programa, pero xa hai varias citas confirmadas. Entre elas, a VI Carreira Popular Abanca Semana Verde de Galicia, que se disputará o primeiro día deste certame multisectorial. Farao seguindo o protocolo Fisicovid-DXT Galego vixente no día de celebración da proba, polo cal se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria no ámbito do deporte federado de Galicia.
A carreira dará comezo ás 19.20 e o seu percorrido incluirá de novo unha pequena parte dentro do recinto e o resto en zonas exteriores próximas ao mesmo. Os participantes, que poden ser atletas federados ou non, deben inscribirse ata o 1 de setembro ás 20.00 horas na web www.carreirasgalegas.com. O custe é de 5 € para a categoría absoluta, e é gratuíta para as escolares.
Tamén está confirmado o X Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia 2021, que co apoio da Axencia Turismo de Galicia contará unha vez máis coa súa recoñecida Bolsa de Contratación Turística. Reuniranse 40 operadores turísticos con presenza en once países: Alemaña, Bulgaria, EE.UU, España, Francia, Italia, Portugal, Reino Unido, Rusia, Suíza e Ucraína. En 2019 foran 48, con oficinas tamén en once países.
Estes operadores internacionais e nacionais coñecerán a oferta de empresas do sector do turismo, a maioría galegas, e tamén destinos. Todos eles poderán mostrarlles detalladamente as súas propostas aos operadores turísticos co obxectivo de que as incorporen ás ofertas que farán aos seus clientes nos países nos que contan con oficinas.
A estas mesas de negocio engadirase o sábado día 4 pola tarde e o domingo día 5 durante todo o día unha pequena viaxe de familiarización na que participarán a maioría de operadores turísticos asistentes ao salón e que estará moi vinculada ao Ano Santo Xacobeo. Así, o sábado realizarán unha visita guiada ao centro histórico de Santiago de Compostela, deténdose na Catedral, o Museo Catedralicio e o Pazo de Xelmírez. Xa o domingo farán parte da ruta da Traslatio Xacobea..
Dende a localidade de Ribeira viaxarán en barco pola ría de Arousa ata o río Ulla, con chegada a Pontecesures. Despois pasarán por Padrón para rematar entrando en Santiago polo Camiño Portugués.
O popular evento tamén contará de novo cos espectáculos de Paulo Martinho, pioneiro do freestyle en Portugal. O piloto, que manexa el só todos os vehículos do show, xa acadou gran éxito no certame en dúas ocasións anteriores. Agora volverá sorprender con algunhas acrobacias novas e un coche que incluirá por primeira vez nun espectáculo en España. Paulo Martinho realizará catro exhibicións, que terán lugar o sábado e o domingo, ás 13.00 e ás 18.00 horas. Nas que fará ao mediodía utilizará unha moto de cros, dúas Yamaha de estrada modelo MT 09 e un quad, cos que levará a cabo invertidos (apoio nas rodas dianteiras), cabaliños ou queimadas de roda.
Xa pola tarde, nas demostracións sumarase un coche cada día. Os outros eventos confirmados nestos momentos son Salimat Abanca (encontros de compradores e blogueiros, múltiples catas, showcookings, presentacións...), Festur (Feira de Festas de Interese Turístico), Fecap Abanca (demostracións de caza, pesca, cetrería e tiro con arco), exhibicións e competicións caninas e ecuestres, mercado de razas autóctonas en perigo de extinción, demostración de esculturas de madeira con motoserras e actuacións musicais e de baile. As empresas aínda poden anotarse na páxina web semanaverde.es ou ben chamar ao teléfono 986 577 000.
DESPOIS DE ANO E MEDIO complicado a nivel económico e social, que se reactiven eventos da magnitude da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, sempre coas debidas medidas anti-COVID de por medio, supón contribuír á reactivación das empresas e reanudar tanto a necesaria interacción entre oferta e demanda como o lecer de forma segura. A edición cambia de datas e redúcese a tres días en lugar de catro, pero sen dúbida implica un sopro de aire fresco en medio da situación actual. É de agradecer que se conserven incluso as citas deportivas, como a carreira de atletismo, un evento popular que dende logo máis dun afeccionado botou moito de menos nos últimos meses. A desfrutar, pero, iso si, con seguridade.