Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A Xunta financia trinta prazas públicas nos seus centros de día e ocupacional para o que destina un orzamento de 330.000 euros ao ano // Axuda a que persoas con discapacidade gañen autoestima a través de actividades e coidados TEXTO M. Boo

Sinalan a Aspadeza como un referente en inclusión social

O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou este martes as instalacións de Aspadeza, en Lalín, onde sinalou que esta entidade é unha referencia en materia de inclusión para toda a comarca.

O Goberno galego financia 30 prazas públicas nos seus centros de día e ocupacional para o que destina un orzamento de 330.000 euros ao ano. O director xeral destacou que estes centros permiten que as persoas con discapacidade gañen en autonomía tanto a través de coidados como con actividades de formación e ocio que lles axuden a manter un ritmo de vida activo.

O centro ocupacional de Aspadeza está destinado a persoas con discapacidade intelectual maiores de 18 anos e que teñan suficiente autonomía (non precisen de axuda de terceira persoa) e ten como obxectivos formar á persoas con discapacidade para acadar a integración e normalización social e laboral, ademais de promocionar as súas capacidades e habilidades para conseguir o máximo nivel de autonomía persoal. No centro ocupacional realízanse distintas actividades que van desde a xardinería á lavandería ou traballos para empresas (etiquetas de Florentino ou de decoración para a AED,...), ós que suman talleres como os de manualidades (cestería, elaboración de tapices, pintura, coiro...), de afectividade e sexualidade, de estimulación cognitiva, de autoimaxe, de comunicación ou de cociña. A maiores desenvolve formación en habilidades sociais e en autodeterminación, actividades de lectura e escritura, teatro e baile, musicoterapia, risoterapia e participación en programas de voluntariado.

Pola súa banda, o centro de día está destinado a persoas con discapacidade intelectual maiores de 16 anos e que precisen axuda de terceiras persoas. Ten como finalidade principal a atención e formación da persoa que necesita apoios extensos ou xeneralizados para as actividades básicas da vida diaria.

As actividades que realiza abranguen distintos eidos como pintura e manualidades. taller de cociña, clases de informática, actividades de lecto-escritura, formación en habilidades sociais, traballo con sistemas alternativos de comunicación, taller de relaxación, estimulación cognitiva, teatro e baile.

Ademáis, Aspadeza conta cun servizo de atención psicolóxica orientado ó traballo cos usuarios, familias e profesionais dos dous centros e outro de traballo social con intervencións dirixidas ó tratamento dos aspectos sociais que configuran a vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias..

O director xeral lembrou durante a súa visita que o Goberno galego mantén unha estreita relación coas entidades sociais do sector porque teñen demostrado ser as que mellor coñecen as necesidades das persoas con discapacidade.

Neste sentido, González Abeijón apuntou que o orzamento da Xunta de Galicia para o vindeiro ano incrementarase nun 16 por cento, ata os 165 millóns de euros, en materia de discapacidade para seguir creando e mellorando os servizos á súa disposición.

O protagonista
O obxectivo
é mellorar
a calidade
de vida
Fernando González Abeijón
Director xeral de Persoas con Discapacidade

O director xeral de Persoas con Discapacidade destaca nas súas intervencións o compromiso do Goberno galego para mellorar a calidade de vida das persoas que padecen algún tipo de discapacidade e impulsar a súa autonomía. Fernando González Abeijón fai fincapé na colaboración da Xunta coas entidades sociais que, como é o caso de Aspadeza, “están día a día aportando solucións para mellorar a calidade de vida dos seus usuarios”.

Doazón do CEIP Plurilingüe
de Silleda para Medelo

··· A directora do centro CEIP Plurilingüe de Silleda, María Consuelo Rodríguez, achegouse ata o centro que ten Cogami en Medelo para entregarlles o recadado durante o posto que tiñan colocado na Praza Juan Salgueiro para participar na VI Feira da Alegría. O importe doado consistiu en 1.004,24 euros, unha cantidade que resultou recadada trala venda de obxectos decorativos de Nadal elaborados a través de materiais reciclados aos que lle deron unha segunda utilidade. Dende o centro de día e ocupacional de Medelo, situado en Bandeira, agradeceron publicamente este acto de xenerosidade por parte do centro de ensino, e adiantouse que esta aportación económica servirá para investir en materiais para darlle continuidade aos obradoiros que desenvolven no centro como o de cestería, deseño de alfombras e coiro, entre outros.

21 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.