Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O Plan de Emerxencia da Xunta proporciona a sesenta e nove municipios unha ferramenta para combater á secura // Estes súmanse aos xa corenta que se viron beneficiados noutras convocatorias//Invístense máis de 825.000€ TEXTO Pedro Brea

Só trece concellos da comarca compostelá nas axudas da seca

A Xunta de Galicia puxo en marcha a terceira convocatoria do Plan de Emerxencia contra a Seca, do cal xa se viron beneficiados 40 concellos en anteriores chamamentos. Neste novo reparto 69 municipios de toda Galicia percibirán unha dotación económica para prepararse ante calquera imprevisto que puidese xerar unha crise de secura para, deste xeito, garantir a subministración de auga ás diversas poboacións.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de notificarlle aos municipios beneficiados o outorgamento destas subvencións, enmarcadas nunha convocatoria que inicialmente contaba con 250.000 euros e que posteriormente foi ampliada para atender a tódalas solicitudes que se recibiron. Así pois, as axudas desta convocatoria están dirixidas ós concellos de menos de 50.000 habitantes e financian o 80% do custo da redacción do plan, cun importe de ata 15.000 euros por solicitude, e subvencionan actuacións realizadas desde o 1 de xaneiro de 2021. Ademais, ditos apoios son compatibles co cofinanciamento que acheguen outras administracións públicas, como as deputacións provinciais.

Con estes incentivos, o departamento que preside Ethel Vázquez, presta apoio técnico e financeiro en materia de augas aos concellos para que cada sistema de abastecemento dispoña do seu propio plan de emerxencia. Cómpre recordar que a Lei de Abastecemento de Auga dálle un prazo de 2 anos aos concellos de menos de 20.000 habitantes para que elaboren plans de emerxencia fronte á seca. Así pois os municipios da comarca de Compostela que se benefician son: Val do Dubra, Santa Comba, Dodro, A Laracha, Ordes, Arzúa, Ribeira, Porto do Son, Lousame, Fisterra, Camariñas e Silleda.

A protagonista
“Son un instrumento básico”
Pilar Peón
Concelleira de Silleda

O concello de Silleda foi o único beneficiado da provincia de Pontevedra do Plan de Emerxencia contra a Seca disposto pola Xunta de Galicia nesta terceira convocatoria, adicada aos concellos de menos de 50.000 mil habitantes. A concelleira silledense, Pilar Peón, indicou ao respecto que “os plans municipais de emerxencia ante situacións de seca son un instrumento básico para a xestión destes episodios a nivel de concello ou sistema de abastecemento: definen os protocolos de actuación no ámbito local, establecen as medidas necesarias para garantir o subministración de auga á poboación en caso de seca e fomentan o emprego eficiente dos recursos hídricos”, explicou a edil.

Doutra banda, cando se lle preguntou á conselleira de Medioambiente acerca das necesidades de Silleda fixo fincapé na importancia de atoparse ben preparados ante calquera imprevisto que puidese xurdir: “O concello de Silleda tendo cubertas as súas necesidades de abastecemento, non é alleo a este problema que cada vez pode ser máis frecuente (recordemos os graves incendios do 2017 e as súas consecuencias para os nosos veciños e veciñas) e polo tanto considero de sumo interese contar cun documento municipal que sirva como instrumento de cara a tomar medidas para evitar e minorar os períodos de seca e no caso de habelos contar con un protocolo claro de actuación”, apuntou Pilar Peón.

{ o obxector }
Cando o río soa, auga leva
Pedro Brea

A terceira convocatoria do Plan de Emerxencia contra a Seca da Xunta de Galicia chega nun momento tan polémico como esencial. A situación hidrográfica autonómica encóntrase pendendo dun fío, xa que encoros como o de Belesar, na provincia de Lugo, ou os de Salas e Cenza, na de Ourense, xestionados por Naturgy e Iberdrola respectivamente, están a sufrir baleirados masivos. Así pois, mentres a tarifa da luz non deixa de medrar e de bater récords, as électricas baleiran os dépositos hídricos coa fin de enriquecerse máis e máis. É por iso que as axudas de prevención que pon en marcha a Xunta son tan necesarias, co obxecto de evitar incendios e manter o agro entroutras cousas. Así, o Goberno intenta loitar contra as hidroeléctricas.

23 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.