Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
RECICLAXE. A Laracha, Carballo, Cabana, Cerceda, Santa Comba e Arteixo teñen implantada a recollida da fracción orgánica // A Xunta ve inasumible que antes do 30 de xuño poida haber colectores marróns en todos os concellos TEXTO J. Ramos

Sogama recibiu xa preto de mil toneladas de materia orgánica

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, acompañada polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, reuniuse este venres no municipio larachés con alcaldes e representantes dos concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Santa Comba e Arteixo, que son os cinco da provincia da Coruña de máis de 5.000 habitantes que xa teñen implantada a recollida da fracción orgánica e subscrito con Sogama un convenio para a transformación da mesma.

Unha valorización que se fai na planta de biorresiduos de Cerceda, a cal, dende a súa posta en marcha no ano 2020, recibiu xa unha achega de preto de 1.000 toneladas de residuos orgánicos. Aínda que esas aportacións son modestas en cantidade, “a calidade do material recibido é moi boa”, afirmou a conselleira, xa que segundo as caracterizacións realizadas por Sogama, a porcentaxe de elementos propios –é dicir, materiais que deben depositarse no contedor marrón, como restos de alimentos e xardinería– oscila entre o 95 % e o 98 %. Conseguir estes resultados, en todo caso, non foi un proceso fácil.

Tras poñer aos referidos concellos “como exemplo” para o resto de Galicia e felicitalos polo esforzo realizado, Ángeles Vázquez explicou que para implantar o quinto contedor estes municipios tiveron que reestruturar o seu servizo de recollida de lixo co fin de incorporar a nova fracción dunha forma eficaz. Un proceso de adaptación, indicou, que require modificar contratos ou mesmo convocar novos concursos, mobilizar máis recursos e dispoñer do tempo necesario para levalo a cabo.

Por iso, advertiu dende a A Laracha de que o prazo fixado por lei polo Goberno central para implantar o contedor marrón para a recollida de biorresiduos, que finaliza o vindeiro 30 de xuño, resulta “totalmente inasumible” para a maior parte dos concellos de máis de 5.000 habitantes. Lembrou que a Lei de residuos estatal –en vigor desde o pasado 10 de abril– introduce prazos “moito máis restritivos” que os fixados pola UE para realizar esta transición.

Así, explicou que a directiva comunitaria sobre residuos fixa como límite o 31 decembro de 2023 para que todas as entidades locais europeas cumpran con esta obriga. Sen embargo, engadiu que, “voluntaria e inexplicablemente”, o Executivo central decidiu acurtar en ano e medio estes tempos no caso dos municipios de máis de 5.000 habitantes, tal e como se recolle na nova Lei de residuos estatal.

Ademais, subliñou que os concellos que dentro de pouco máis dun mes non logren acreditar que contan xa cunha recollida selectiva da súa fracción orgánica se enfrontarán a sancións económicas de ata 100.000 euros xa que, segundo explicou, a propia norma fixa como infracción grave o incumprimento desta obriga. Tras lembrar que a Xunta presentou no seu día alegacións ao proxecto lexislativo para opoñerse ao adianto do calendario establecido pola UE, Ángeles Vázquez lamentou a actitude do Goberno central, que seguiu adiante a pesar das advertencias reiteradas da Xunta e mesmo da Fegamp sobre as dificultades que terían as entidades locais para cumprir cos obxectivos en materia de biorresiduos en moito menos tempo do previsto.

A protagonista
“Temos unha lei de residuos coherente”
Ángeles Vázquez
Conselleria de Medio Ambiente

Fronte á decisión “unilateral” do Executivo central, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, subliñou que o Goberno galego redactou unha Lei de residuos autonómica “acorde e coherente” coa directiva comunitaria, e impulsou a Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais, cun orzamento de 60 millóns de euros, destinada a garantir que a maioría dos 295 concellos adscritos a Sogama dispoñan dunha planta de compostaxe ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.

{ Pasaba por aquí }
Planificar
e lexislar
Manuel Lavandeira

NON POR CORRER moito sempre se chega antes. Así parece suceder coa nova lei do Goberno central que obriga aos concellos a implantar xa a recollida selectiva de residuos orgánicos. A data límite é o 30 de xuño e, polo de agora, na provincia da Coruña só dispoñen de dito servizo cinco municipios, polo que parece claro que o obxectivo non se vai poder cumprir. Ninguén dubida de que o ideal sería ter xa a pleno rendemento a reciclaxe de materia orgánica pero, como todo, iso require de investimentos e, sobre todo, dunha planificación. Agardemos eso sí que o obxectivo se faga realidade antes do 31 de decembro de 2023, data que fixa como límite a UE que, curiosamente, neste caso é menos esixente que o propio Executivo nacional.

28 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.