Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Sostibilidade e responsabilidade no océano da man de Jounot en Outes

A realizadora francesa é a invitada especial da cuarta edición da Mostra Mares da Fin do Mundo // Celebrarase entre o día 29 de outubro e o 1 de novembro

Outes acollerá por segundo ano consecutivo a cuarta edición da Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo –organizada polo Concello outense e a celebrar entre o 29 de outubro e o 1 de novembro–, continuando coa súa aposta polo xénero documental que explora as temáticas relacionadas co medio ambiente mariño e a pesca sostible.

“Para Outes é unha honra acoller esta mostra porque ten unha enorme e estreita vinculación co mar, en particular coa nosa ría; vinculación que vai dende as carpinterías de ribeira que historicamente estiveron situadas en todo o noso litoral e tamén a tradición e importancia que ten aínda hoxe a actividade marisqueira”, dixo o alcalde, Manuel González, durante a presentación do evento.

Nesta ocasión, o público terá ocasión de visionar un total de 21 filmes nacionais e internacionais nas súas diferentes seccións. Estas proxeccións terán lugar durante as tardes no auditorio da casa da cultura da Serra de Outes.

Por primeira vez, Mares da fin do Mundo contará cunha sección oficial na que participarán quince obras documentais de menos de 60 minutos, chegadas dos confíns do mundo, que optarán a un trofeo e a 500 euros.

“A mellor película será votada polo público asistente ás cinco sesións de competición”, explicou o director da mostra, Marcos Gallego, quen destacou que haberá dúas seccións máis características de aquí en adiante no festival: Proa, na que se programará filmes e cineastas na vangarda do cinema da realidade, e Popa, dedicada á proxección de arquivos e filmes históricos.

Así, a maiores das producións que compiten no certame, no marco da sección Proa, este ano o foco estará na obra da realizadora francesa Mathilde Jounot, convidada especial do festival. A escritora e activista presentará a súa triloxía Océans, la veux des invisibles, coa que pretende chamar a atención da cidadanía sobre a necesidade dunha xestión sostible e responsable dos océanos.

O outro documental en primicia será o que inaugurará esta cuarta edición, Iorram, do director neozelandés radicado en Escocia Alaistar Cole, centrado na comunidade pesqueira das illas Hébridas Exteriores. Mentres que na gala de clausura presentarase Fasquiando o Futuro, unha obra documental sobre a importancia da carpintaría de ribeira en Galicia, ademais da curtametraxe realizada no obradoiro de cine da ría de Muros -Noia, promovido polo GALP Costa Sostible.

Como en edicións anteriores, a programación compleméntase con varias actividades desenvolvidas no centro náutico do Freixo. Estas comezarán o venres coa gravación e emisión dixital en directo do programa Mar de Ardora da Radio Galega.

Nas xornadas posteriores, a mostra contará cunha nova mesa redonda con profesionais do sector, titulada O futuro da pesca artesanal, así como unha degustación gastronómica a cargo da confraría de Noia. Ademais, tamén haberá saídas pola ría no veleiro Joaquín Vieta, a exposición Que embarcación é? e unha actuación musical.

Para máis información ou realizar reservas para asistir ás sesións deberán acceder á web da mostra (www.maresdafindomundo.gal).

27 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.