Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Suba nas subvencións amesás para entes de iniciativa social

Repartiranse 60.000 euros // O prazo remata o vindeiro día 25 // Na anterior edición beneficiáronse nove asociacións por 57.650 €

A concellaría de Benestar Social de Ames ten aberto ata o día 25 deste mes a convocatoria de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a promoción de actividades complementarias aos servizos sociais comunitarios e inclusión social. Con estas axudas búscase reforzar a colaboración cos entes que leven a cabo actividades complementarias aos servizos sociais, e que favorezan a inclusión social, a saúde pública ou a formación laboral. Ao igual que en 2021, a contía total volve a acadar os 60.000 euros, un aumento do 50 % máis do previsto.

O Concello de Ames busca deste xeito “favorecer a posta en marcha de actividades de carácter básico e social complementarias ao labor xa realizado a través dos servizos sociais” do municipio, ademais de continuar a súa colaboración coas entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, “nun período marcado pola situación económica e social derivada da crise epidemiolóxica da covid, o conflito bélico en Ucraína e o incremento de prezos da enerxía e doutros bens de primeira necesidade”, suliñan.

E coma obxectivos prioritarios desta liña de axudas enumeran a promoción da inclusión social de colectivos con dificultades de inserción; a instauración de programas de base comunitaria que desenvolvan accións preventivas; a intervención e o seguimento de persoas en risco de exclusión social; a potenciación da saúde pública, ou a formación básica e laboral sempre adaptada ás necesidades de persoas con diversidade funcional.

No exercicio 2021 nove entidades beneficiáronse destas subvencións, obtendo un total de 57.650 euros que serviron para promover un total de catorce proxectos, que trataron temas como a educación emocional ou o acompañamento integral, e que serviron para cubrir necesidades básicas como o acceso á vivenda. Poderán optar a estas subvencións as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro legalmente constituídas, que realicen actividades complementarias aos Servizos Sociais comunitarios, e que desenvolvan a súa actuación, entre outros ámbitos, no Concello de Ames.

As solicitudes deberán presentarse a través do rexistro telemático na sede electrónica do Concello amesán ou ben no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR).

17 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.