Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Xacobeo. Todos os sectores sociais e administracións constituíron unha Mesa de Traballo // O obxectivo é desenvolver e consolidar estas rutas // Piden a inclusión na lista de Patrimonio Mundial do itinerario ferrolán-herculino TEXTO M. Lavandeira

Suma de forzas para relanzar o Camiño Inglés e o de Fisterra e Muxía

O Pazo de Mariñán acolleu o acto de constitución da Mesa de Traballo do Camiño Inglés e do Camiño Fisterra-Muxía, impulsada pola Deputación da Coruña e a Xunta, no que están representados todos os sectores da sociedade e que funcionará como nova folla de ruta na promoción, desenvolvemento e consolidación deste produto orixinal e diferenciador que ten Galicia.

É un instrumento que pretende dar visibilidade a todos os ámbitos que poidan estar implicados no fomento da preservación e valorización dos Camiños e por iso forman parte as institucións públicas (Xunta, Deputación e concellos), as universidades da Coruña, Santiago e Durham, a Confederación de Empresarios da Coruña, as xerencias de Turismo da Coruña e Santiago, asociacións veciñais, culturais, de hostaleiros, xornalistas, arquitectos, e profesionais do sector turístico.

A Mesa dos Camiños ten como obxectivos ter información da Xunta dos proxectos, accións e investimentos para a conservación, valorización, promoción, recuperación, sinalización e xestión; desenvolver o coñecemento e fomento da súa conservación e valorización baixo a lóxica da sustentabilidade e compatibilidade co turismo responsable; difundir, a nivel nacional e internacional o seu valor cultural; sensibilizar ás autoridades locais de cara ao traballo conxunto para mellorar o patrimonio material e inmaterial; e recuperar o patrimonio histórico.

Ademais, tamén apoiará programas de investigación, promoción da seguridade e accesibilidade, así como a organización de plans de mantemento e limpeza; promoverá unha xestión integrada e intersectorial e fórmulas de cooperación entre as diferentes administracións, así como relacións coas diferentes asociacións do Camiño.

Na primeira xornada xa se aprobou a primeira proposta formal, presentada pola Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) para que se inicie a tramitación do expediente de inclusión do Camiño Inglés na lista de Patrimonio Mundial da UNESCO, formulada polo seu presidente, Antonio Fontenla.

“Esta mesa é un reflexo da pluralidade que ten esta provincia, coa implicación de todo o tecido social, empresarial, comercial e institucional”, subliñou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que cree que “isto é a mellor garantía de que vai a ter un carácter práctico, dinámico e que vai a poder constatarse en medidas concretas de mellora do Camiño sendo unha oportunidade para o rural porque xera unha economía alternativa ás tradicionais do interior da provincia e tamén da zona costeira”.

No acto tamén estivo presente o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta, Alfonso Rueda, que agradeceu a invitación para formar parte desta mesa de traballo, que se suma á colaboración “que estamos tendo coa Deputación na promoción turística conxunta de Galicia e da provincia, pola súa implicación con iniciativas como o bono turístico”. Cre que “temos unha enorme oportunidade con este ano e medio de Xacobeo” e a provincia da Coruña ten “esa sorte de ser o final de todos os Camiños e aquí tívose a intelixencia de poñer ese valor engadido de potenciar estes dous tramos, á vista están os resultados que indican que están crecendo moitísimo grazas ao bo traballo que se fixo”.

Pola súa parte, o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, explicou que “temos que ir facendo comunidade, acompañándonos os uns aos outros e buscar ese escenario de colaboración, que debe ser leal”.

04 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.