Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Teatralizan a toma de posesión do castelo de Vimianzo no mes de xullo de 1936

Será o día 23, ás dez da noite, e o obxectivo é recuperar parte da memoria histórica local

Vimianzo. O día 23 de xullo, a partir das 22.00 horas o patio da fortaleza de Vimianzo acollerá o acto A causa do Castelo, unha recreación histórica teatralizada por Tero Rodríguez (de Os Quinquilláns), e musicada por Orjais e Barahunda.

Un acto que contará o acontecido no Concello vimiancés o 22 de xullo de 1936 durante a toma de posesión do castelo por parte da corporación republicana, logo da súa expropiación, acompañados dun grupo de cidadáns defensores da legalidade republicana fronte ao golpe militar do 18 de xullo.

Este feito supuxo a instrución dun xuízo militar sumarísimo a moitas persoas que significou o fusilamento do secretario municipal, Andrés García Ferreiro, a fuxida e agocho durante 15 anos do alcalde José Alborés “O Cordas” e o “paseo” do seu irmán Manuel Alborés, asasinado nunha gabia preto de Arzúa, descoñecéndose onde se atopan os seus restos.

Tamén supuxo o agocho e morte do concelleiro Manuel Vidal, de Pasarela, e a fuxida e agocho durante moito tempo do funcionario municipal Federico Lamela, así como doutros cidadáns, ademais do encarceramento e torturas a veciños e veciñas de Vimianzo, e mesmo a poxa dos seus bens.

Unha rememoración da historia que está organizada por catro entidades soneiráns: a recén constituída Asociación de Memoria Histórica Perfeuto López, o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, a Asociación Axvalso e a Asociación Cherinkas. O seu obxectivo é manter vivo na memoria o acontecido, e darlle continuidade esta recuperación da memoria histórica iniciada no ano 2018 no marco dun congreso sobre o castelo de Vimianzo.

Asemade, o acto servirá para dar a coñecer a nova entidade soneirán a prol da memoria histórica, que leva o nome do vimiancés Perfeuto López, “home comprometido no seu momento coa causa republicana e galeguista, mecenas de Castelao e de moitos artistas e escritores galegos, que axudou a moitos conveciños e conveciñas no periplo da emigración bonaerense”, afirman. Esta asociación ten o obxectivo de recuperar a memoria sobre o pasado de Vimianzo por medio de actividades culturais e divulgativas, sobre todo enfocadas aos sucesos máis recentes, como os tempos do franquismo ou da Guerra Civil. “Deste xeito preténdese lembrar e recuperar a memoria e dignidade do pobo de Vimianzo”, conclúen.

16 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.