Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Teatro, animación e arte urbana complementarán o festival O Son dos Arrieiros

Asten, do colectivo Ocionautas, pintará motivos do Camiño de Santiago sobre o escenario // Animar a actividade e o obxectivo

Paralelamente ao Festival O Son dos Arrieiros que terá lugar en dependencias da Fundación de Exposicións e Congresos durante os días 29 e 30 de outubro, o Concello da Estrada, en colaboración coa Xunta, elaborou unha programación complementaria coa intención de enriquecer a experiencia dos asistentes prolongando a súa estadía na vila e fortalecendo a actividade económica da mesma. O programa foi presentado onte polo concelleiro de Cultura, Juan Fontenla.

O Camiño dos Arrieiros, nome co que nace a proposta, será realizado entre as 12.00 e as 17.00 do sábado 30 de
outubro nas rúas da Estrada e na Carballeira da Feira cunha entrada gratuíta ata completar a capacidade do recinto, estimado en 300 persoas.

En canto as actividades paralelas, Fontenla explicou que o propósito “é que a veciñanza e os hosteleiros da vila poidan verse favorecidos tamén, de forma directa, polo impacto que supón a organización na Estrada deste festival. Son moitas as habitacións da vila e arredores que están reservadas para esa fin de semana última de outubro, centos de visitantes os que terán a escusa perfecta para quedar na vila e gozar desta xeira de actividades que temos deseñado”, explicou

A programación, composta por diferentes actividades, conta coa presenza de música, teatro e arte urbana da man de Asten, do colectivo Ocionautas, que pintará sobre o escenario motivos do Camiño Xacobeo.

Outros dos atractivos da proposta son os concertos de Los Rastreadores, Plan Siberia e Igloo sen deixar atrás a teatralización da chegada dos arrieiros á vila por parte do grupo Troula.

O festival abrirase o sábado 30 ás 12.00 horas co desfile da agrupación de animación de rúa Troula polas rúas da vila, escenificando a chegada dos arrieiros, carretando o viño desde terras do Ribeiro. O desfile rematará cunha pequena intervención na praza da Feira ás 12.45. Xa as 13.00 horas comezará a actuación do grupo Los Rastreadores, grupo onde toca Ortiga, o artista compostelán que arrasa nos festivais de todo o país coa súa verbena moderna.

Pola tarde, as 16.30, collerá o relevo Gabriel, de Plan Siberia que presentará en acústico os temas do seu último disco. Ás 17.00 horas pechará este Camiño dos arrieiros a banda Igloo, un grupo galego presente nos festivais máis potentes de toda España.

Entre as 13.00 e as 17.00 horas, o colectivo da Estación contará cunha importante presenza no festival. Traerá a Asten, un dos grandes artistas urbanos de Galicia, para pintar, en tempo real, un grafitti de temática xacobea. Ademais, botarán unha man na realización do festival.

09 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.