Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Teira e Cartea aliáronse para ilustrar e traducir a Rimbaud

Ambos barbanzáns fusionan perspectivas sobre obras do poeta francés // Presentaron na Pobra a mostra e o libro resultantes

A obra do poeta simbolista francés Arthur Rimbaud baixo a perspectiva dos barbanzáns Manuel Teira e Manuel Cartea chega á casa da cultura da Pobra do Caramiñal nun dobre formato: pictórico e literario. A instalación municipal acolleu a apertura dunha exposición composta por unha serie de ilustracións elaboradas por Manuel Teira e inspiradas nos libros Iluminacións e Unha tempada no inferno, de Rimbaud.

Un total de 35 creacións, das cales 12 figuran no volume impreso titulado Arthur Rimbaud. Iluminacións & Unha tempada no inferno, que compila ambos traballos poéticos, con tradución e notas a cargo de Manuel Cartea e prólogo de Xesús Laíño.

Recóllense así poemas cuxo espectro temático varía dende un carácter visionario a escenas autobiográfícas cun marcado ton dramático.

Esta obra conxunta (as ilustracións e o libro) presentouse nun acto organizado pola concellería de Cultura, que dirixe Patricia Lojo, e pola asociación Barbantia, ca colaboración da Escola de Música da Pobra do Caramiñal. Estivo amenizado pola pianista Tania Davila López.

A mostra pode visitarse ata o día 31 deste mes, de luns a venres, de 11.00 a 13.30 e de 18.00 a 21.00 horas.

Por outra banda, o auditorio do Museo Valle-Inclán acolleu a presentación do libro Irmandiñas, froito do arduo traballo de investigación da autora Aurora Marco ao longo de catro anos.

Reivindicar o labor social, cultural e político desenvolvido polas mulleres galegas nas primeiras décadas do século vinte, etapa na que, malia á súa incorporación ós espazos públicos, a súa proxección foi limitada e as irmandiñas non foron unha excepción, é o argumento de Irmandiñas.

Nesta nova obra, a escritora constata documentalmente a relevancia do seu compromiso e dinamismo, contribuíndo a recuperar e recoñecer o legado desas mulleres.

Este acto literario foi organizado pola concellería de Memoria Histórica da Pobra, que dirixe Xabier Santos.

detlef kappeler. E en Ribeira, o Museo do Gravado acollerá este venres ás 20.30 horas a inauguración dunha exposición para dar a coñecer a obra do gravador alemán Detlef Kappeler (1938), que conta cunha ampla traxectoria europea, pois dende 1963 expuxo a súa obra en Alemaña, Suíza, Francia e España. No ano 2019 expuxo en Santiago de Compostela e en 2015, en Vimianzo.

Agora chega a Ribeira a mostra de gravados que o autor doou ao citado museo, entre a figuración e o expresionismo, mais sempre cunha forte carga ética e cunha coherencia artística con forte sabor poético. Non faltan na súa obra a narratividade, a dimensión social e a influencia dos gravados de Goya para chegar ao revulsivo expresionista. Nun delicado equilibrio entre a arte figurativa e a abstracción, o autor amosa gran capacidade para o debuxo.

Este artista alemán reside na Costa da Morte, en Muxía, que é o seu novo territorio vivencial e dende onde eleva a súa voz, forte, visceral, preto xa do posformalismo abstracto, con técnicas de gravado diferentes: litografía, augaforte, augatinta, punta seca...

delegribeira@elcorreogallego.es

09 may 2022 / 19:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.