Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Terra e mar, patrimonio, cultura e gastronomía para conquistar Fitur

Ata Madrid chegou a luz dos faros que guía os mariñeiros e atrae aos turistas // Costa da Morte presentouse na capital de España como un xeodestino atractivo, amable, seguro e reconfortante

As terras e mares que bordean Compostela brillaron con luz propia na Feira Interancional de Turismo (Fitur) que pechou as súas portas este domingo en Madrid. Ata a capital de España chegou a luz dos faros que guía os mariñeiros e atrae aos turistas para iluminar a ampla e variada oferta turística dunhas comarcas que aúnan paisaxe, patrimonio, cultura, gastronomía e bo facer.

Rutas xacobeas que levan por terra e mar ata Compostela e a Fisterra e Muxía, roteiros que achegan aos camiñantes a tempos pasados e tamén a fermosas paraxes naturais seguindo a luz dos faros, artesanías que atesouran milleiros de anos, e unha gastronomía única son, xunto coa hospitalidade das xentes destes territorios, os argumentos cos que convenceron a milleiros de visitantes de Fitur a achegarse ata Costa da Morte, Barbanza, Muros-Noia, Xallas e ás terras próximas ao Apóstolo Santiago.

Baixo o pavillón de Galicia, e tamén dende o expositor de Tourespaña, a oferta turística destas comarcas foi promocionada, non só entre os milleiros de visitantes, senón tamén a través dos profesionais, axencias e centrais do sector que se encargarán de dirixir os pasos dos turistas cara esta beira atlántica.

Unhas propostas que foron acompañadas de incentivos como a seguridade e a sostibilidade. Esa foi unha das bases da campaña presentada na capital de España polo xeodestino Costa da Morte, que se ofreceu aos visitantes como un “destino seguro, amable, reconfortante e hospitalario”, segundo a presidenta da CMAT e alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez.

Un xeodestino que agrupa a dezasete municipios das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra, e tamén aos concellos de Carnota e Mazaricos, que se proxectou como “naturalmente salvaje” a través dun vídeo.

Un traballo promocional que se complementou cos encontros que mantiveron os representantes da Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM) cos profesionais das empresas sectoriais de cara a comercializar o xeodestino.

Tamén a Asociación Solpor, co seu presidente, Jesús Picallo, ao fronte, deu a coñecer as accións previstas para este ano 2022, ao tempo que difundiron unha produción audiovisual baixo o título Solpor, Camino de Santiago a Fisterra e Muxía co fin de animar a todos os peregrinos que chegan a Compostela a continuar a súa marcha ata a Costa da Morte.

Unha peregrinaxe ata a fin da terra que terá un atractivo máis, xa que do 1 de maio de 2022 ata o mesmo día de 2023 celebrarase en Cee o Ano Xubilar da Virxe da Xunqueira, que é tamén punto de paso para quenes peregrinan cara Fisterra e Muxía.

Agora tan só queda agardar que eses turistas e peregrinos poñan rumbo a estas terras, onde, sen dúbida, serán recibidos con agarimo.

Santa Comba presume de natureza e rutas
Levou á feira catro sendas que van pola beira do río Xallas e á sombra de árbores

Santa Comba. Falar de Santa Comba é falar de natureza. E así o demostraron en Fitur a alcaldesa, María Pose, e a concelleira de Turismo, Cristina Fajín. A menos de media hora de Santiago, de Costa da Morte e do Barbanza e a menos dunha hora da Coruña, é un lugar ideal para disfrutar do contacto cos bosques e os regatos e ríos.

Marcada polo discorrer do Xallas, Santa Comba aproveitou as súas condicións para ofrecer no recinto feiral madrileño catro rutas de sendeirismo ideais para disfrutar do medioambiente. Unha das andainas máis bonitas é a da fervenza de Castriz, de 13,72 quilómetros nos que se atopan as mámoas coñecidas como Pedra Fornalla e un bonito paseo baixo as árbores que conduce á sorprendente fervenza de Castriz e o seu entorno, cunha serie de muíños rehabilitados de preto de 300 anos de antigüidade.

Pero hai máis. O sendeiro Xesteira-Guisande, de 13,21 quilómetros, permitirá gozar de fermosas paisaxes, da antiga presa de Xesteira e do son do río Xallas e o contacto con especies arbóreas autóctonas e de ribeira. Tamén marcada polo río está a ruta da praia fluvial de Esmorode, de 10,16 quilómetros, que discorre polas beiras do río Xallas e entre a sombra de centenarios carballos.

E para rematar, a senda do wolfram, marcada pola mina de Varilongo. De 8,95 quilómetros, ofrece moi boas vistas e unha ruta histórica polo enclave mineiro.

A duna do Monte Branco chegou a Madrid coa Mostra do Encaixe
Camariñas promociona nas grandes pantallas de Callao a trinta e unha feira das puntillas

Camariñas. Aproveitando a celebración de Fitur e para contribuír á difusión da XXXI Mostra do Encaixe, o Concello de Camariñas levou a campaña promocional ao centro de Madrid. Así, a pasada semana proxectouse nas grandes pantallas dixitais de Callao, na Gran Vía, o cartel de promoción da feira das puntillas, que se celebrará do 13 ao 17 de abril.

A protagonista do cartel, ao igual que do vídeo, é a voluntaria da Mostra do Encaixe, Ainhoa Toba, quen desde o alto da duna de Monte Branco, cun vestido de encaixe e sostendo uns palillos, aprecia o fermoso horizonte das praias de Trece. Na imaxe pode lerse tamén o slogan desta edición da feira: Encaixas no paraíso? e unha clara referencia ao municipio e ás datas de celebración.

O obxectivo desta acción publicitaria “é o de continuar a promocionar a Mostra do Encaixe e o turismo de Camariñas fóra das nosas fronteiras, para afianzar o evento como capital da moda durante a Semana Santa e atraer o maior número de visitantes”, afirmou a alcaldesa, Sandra Insua.

A feira das puntillas tamén foi presentada nos pavillóns de Tourespaña e de Galicia, en Fitur. A rexedora animou aos visitantes a achegarse a Camariñas en Semana Santa “para coñecer o fermoso patrimonio co que contamos. Se o fan, estamos seguros de que volverán”, indicou.

Fogar de Santiso presenta o seu modelo de bioeconomía circular
Aposta polos alimentos ecolóxicos km 0, carnes de razas autóctonas e a pesca responsable

Teo. Fogar do Santiso, que naceu en 1996 en Teo como restaurante reivindicativo da tradición e cultura popular labrega, defendeu en Fitur o seu modelo de “bioeconomía circular, con valores aplicados na terra para a dignificación do rural”. O acto promovido polo Ministerio de Turismo foi presentado polo director técnico do Foro Mundial do Turismo Gastronómico, Iñaki Gaztelumendi.

José Santiso, copropietario do Fogar, dixo: “Se non cres, non creas; levamos 20 anos traballando pola autosuficiencia, creando e pechando círculos dende a ecoloxía e a innovación como filosofía de vida, cun modelo que hoxe é un referente de economía circular: bioeconomía”, apuntou.

“Cremos na soberanía alimentaria, con alimentos ecolóxicos km 0, as carnes de razas autóctonas e a pesca responsable artesanal, acadamos cero desperdicio alimentario coa innovación na reciclaxe e usamos enerxías limpas”, engadiu.

“O turismo emite o 8% dos residuos nos países europeos; é necesario un cambio de paradigma para pasar da economía lineal á circular, o turismo será circular ou non será”, rematou.

Fogar do Santiso comezou a súa conversión á produción ecolóxica no ano 2010. Desde entón converteuse no primeiro restaurante de España cunha horta ecolóxica certificada que está asociada a un restaurante.

Outros destinos
Petróglifos, dolmens e igrexas ‘a pé de ti’
Vimianzo

Vimianzo reivindicouse en Fitur como porta de entrada á Costa da Morte, e convidou a descubir estas terras coa campaña Vimianzo a pé. A pé de ti. Igrexas, o Vieiro Fidalgo, o encoro da Fervenza, os dolmens, a Ruta dos Petróglifos, o coído de Sabadelle, a Ruta dos Muíños e un sinfín de recunchos e aldeas esperan aos visitantes.

Uns viaxeiros que deben marcar tamén nas súas axendas unha cita especial: o XXV Asalto ó Castelo, que rememorará a revolta Irmandiña na primeira fin de semana do mes de xullo.

O Ano Xubilar traerá á vila uns 1.200 mozos
Cee

Cee centrou a súa campaña promocional de Fitur na difusión do Ano Xubilar da Virxe da Xunqueira, que comenzará o vindeiro 1 de maio, coa apertura da Porta Santa, e rematará coa coroación da santa.

Entre os actos previstos figura unha Peregrinación Europea de Xoves, que traerá á vila ceense a preto de 1.200 mozos e mozas. Ademais, sacerdotes e corais de toda España participarán na novena solemne.

Tamén se presentará un libro sobre a historia de Cee, obra do técnico de Cultura, Víctor Castiñeira.

‘Sensasións’, sons e maxia ao carón da barca
Muxía

Muxía promocionouse na capital de España como “un municipio de sensasións”, a través dunha iniciativa que convida a descubrir a súa cultura, as tradicións e as atractivas características da fala dos muxiáns e muxianas.

Un proxecto que está vinculado a un código QR, a través do cal o público pode escoitar diversos sons que evocan o sentir do municipio e das súas xentes. “Sons que, sen dúbida, son un fiel reflexo do que somos, xente de mar e con moito corazón e sentimento”, di o alcalde, Iago Toba.

24 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Teo
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.