Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
CAMARIÑAS. Anna García Viu foi elexida como a mellor deseñadora novel // Rocío Molina e Alba Cobos fixéronse co segundo galardón e Rebeca Mercado co terceiro // O público escolleu a colección de Alba Otero e Candela Rodríguez TEXTO J. Ramos

‘The beatiful Brut’ conquista o premio da Mostra do Encaixe

A XXX Mostra do Encaixe de Camariñas pechou as súas portas logo de cinco días de exaltación das puntillas e da gran labor das palilleiras, que foron, un ano máis, as grandes protagonistas da feira, xunto cos desfiles de moda e complementos.

A última xornada serviu para coñecer ás gañadoras do XXVII Concurso de Noveis Deseñadores, que presentaron as súas innovadoras propostas de moda con encaixe na pasarela camariñana.

O primeiro premio foi para a deseñadora Anna García Viu, que conquistou ao xurado coa súa colección The beautiful Brut. A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, foi a encargada de facerlle entrega do galardón.

Pola súa banda, o director de sustentabilidade de Stolt Sea Farm, Carlos Tavares, fixo entrega do segundo premio a Rocío Molina López e Alba Cobos Ropero, pola súa proposta Enxebre II. E o terceiro foi para Rebeca Mercado Alfaro, coa colección Déjame Encajar. A concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro fíxolle entrega do mesmo.

A maiores, como vén sendo costume, tamén se otorgou o Premio Especial do Público, que foi entregado polo vicepresidente da Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas, Reinaldo Tajes, a Alba Otero González e Candela Rodríguez Suárez coa proposta Carrera de Indias.

Nesta edición repartíronse un total de 4.500 euros en premios distribuídos entre un primeiro de 2.100 €, un segundo de 1.200, un terceiro de 600, e o especial do público, tamén dotado con 600 euros. Optaron a estes galardóns un total de 24 mozas e mozos que están dando os seus primeiros pasos no mundo da moda, e que se están a formar en quince escolas de deseño de toda Galicia, Asturias, Barcelona, Sevilla, Granada, Baleares, Zaragoza, Alicante, Madrid e tamén en Portugal.

O xurado estivo composto polas deseñadoras e deseñadores Amaya Fernández, Edith del Valle, Claudina Mata, Inés Fernández, Dolores Cortés e Esteban Freiría.

Coincidindo coa xornada de clausura tamén se celebrou un torneo de xadrez no que participaron un total de corenta persoas. Ao longo do día, os asistentes tamén poideron desfrutar dunha proxeción en 3D sobre o encaixe e o Concello de Camariñas. Asemade, dende a organización promoveuse un acto de agradecemento aos participantes nas gravacións dos vídeos promocionais da II Mostra Virtual celebrada a pasada Semana Santa, e dos desfiles PeqEncaixe, Encaxeiras Seniors e Grandes Deseñadores. Todos eles contribuiron a manter vivo o expírito da feira das puntillas que, debido á pandemia non puido celebrase en 2020 e tampouco nas súas datas habituais este ano, polo que se celebraron edicións virtuais a través das redes sociais da Mostra do Encaixe.

Á espera de coñecer o balance definitivo do número de visitantes que asistiron a esta trinta edición, dende o Concello xa están a pensar e traballar na organización da vindeira feira que se celebrará na Semana Santa de 2022. De feito, xa está convocado o Concurso de Noveis Deseñadores e agardan que o vindeiro ano sexa o da recuperación de plena normalidade.

A despedida á esperada trixésima edición tivo como protagonista a música. Os asistentes desfrutaron dun pequeno concerto a cargo da artista camariñana Belém Tajes. Ademais, antes do peche deuse a coñecer xa o cartel promocional da XXXI Mostra do Encaixe. Agardase que a feira recobre o seu carácter internacional e que o vindeiro ano, como viña sindo habitual, acudan a Camariñas palilleiras de diversos países para amosar as súas habilidades e técnicas de tecido cos bolillos.

13 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.