Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O Goberno galego anunciou as primeiras licitacións do Plan que busca mellorar a accesibilidade das mesmas // Prevese comezar na primavera os traballos na Costa da Morte // Hai ata o 9 de decembro para presentar ofertas TEXTO C. Estévez

Todo en marcha para renovar paradas en Carballo e Laracha

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou este venres na Laracha a licitación das primeiras actuacións do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, ao que a Xunta destina 35,5 millóns.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, achegouse ata a estrada a AC-552, ao paso polo lugar de Cancelo de Arriba, no municipio da Laracha, para explicar o novo Plan, que suporá actuar en 1.105 paradas de autobús da Xunta.

A conselleira apuntou que o obxectivo é reforzar a seguridade, mellorar o equipamento das paradas de autobús e favorecer a mobilidade e a accesibilidade na súa contorna, “sabendo que as paradas son o primeiro elemento de contacto entre o usuario e o transporte público”.

Referiuse tamén ás actuacións que se levarán a cabo baixo este plan. Segundo dixo, por unha banda, as intervencións previstas garantirán a accesibilidade, pensando especialmente nas persoas con dificultades de mobilidade; executaranse ramplas de acceso e dotarase á contorna das paradas de pavimento podotáctil. Ademais, engadiu, “tratarase de favorecer a conectividade das paradas, a través da execución de beirarrúas ou sendas peonís”.

Tamén se mellorará o equipamento das mesmas coa dotación de novos refuxios que protexan os usuarios fronte ás inclemencias do tempo, “bancos e apoio isquiático que ofrezan comodidade aos viaxeiros durante a espera”, remarcou.

Ethel Vázquez tamén se referiu ao reforzo da seguridade das paradas, ampliando o espazo, mellorando a sinalización e incidindo na velocidade. Ademais, dixo, “terase en conta a perspectiva de xénero, eliminando “a vexetación da contorna e coa mellora da visibilidade e a iluminación”. A titular de Infraestruturas e Mobilidade, explicou que estas actuacións de mellora da seguridade e da accesibilidade deste Plan comezan precisamente por activar o investimento de 1,3 millóns de euros nas obras que este venres se licitaron, para mellorar 32 paradas na AC-552 nos concellos da Laracha, Arteixo e Carballo. As empresas interesadas na execución dos traballos teñen de prazo ata o vindeiro día 9 de decembro para presentar as súas ofertas.

A partir de aí, segundo avanzou a conselleira, e dado que neste caso non son necesarias expropiacións, o obxectivo é iniciar os traballos de mellora destas 32 paradas na AC-552 na primavera, cun prazo de execución de 12 meses.

Precisou que, no caso concreto desta estrada autonómica, mellorarase a seguridade e a accesibilidade en 32 paradas de autobús da Xunta, situadas ao longo de 15 km da vía, no seu percorrido polos tres citados municipios. A maioría das actuacións, un total de 18, executaranse no treito da estrada AC-552 ao seu paso por A Laracha.

Os labores incluirán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús; a mellora da accesibilidade; e a pavimentación da contorna, coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións de drenaxe, condución de servizos e de colocación de varandas.

A PROTAGONISTA
“Aposta sen precedentes”
Ethel Vázquez
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

A conselleira destacou que esta nova iniciativa impulsada pola Xunta aproveita a oportunidade que supoñen os fondos Next Generation de mobilidade sostible, tendo en conta os condicionantes e as restricións impostas polo Goberno de España, que limita o uso deses fondos ás contornas das grandes cidades.

Ethel salientou “a aposta sen precedentes nos últimos anos do Goberno galego polo fomento do transporte público” reflectida na renovación e modernización de todo o mapa de transporte interurbano da comunidade, “con máis de 3.500 liñas de transporte que percorren Galicia, con 1.800 autobuses e máis de 55.000 paradas”.

Esa aposta, engadiu, “tamén se demostra nos máis de 90 millóns que a Xunta destinará o vindeiro ano ao transporte interurbano”, financiando o 76 % do custo da prestación deste servizo público e o 100 % no caso dos menores de 21 anos.

{ A OLLADA }
Actuacións básicas
Claudina Estévez

É unha gran nova que a Xunta decida facer unha forte inversión nas paradas. O autobús é o medio de transporte de moitos mozos e mozas que carecen de carné ou que aínda non teñen a idade de conducir; pero tamén de moitas persoas maiores. Por iso que as paradas conten con elementos tan básicos como un refuxio para evitar mollarse nos días de chuvia é vital. Tamén o é que teñan elementos que favorezan a accesibilidade a todas aquelas persoas con problemas de mobilidade. Asemade é de agradecer que se busque iluminar mellor as paradas para facelas máis visibles nas horas sen luz, e eliminar a vexetación, pois ás veces, hai algunhas que realmente parecen saídas dunha película de terror e pola noite aínda peor...

12 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.