Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A empresa arzuá é unha das beneficiarias do programa Responsabilízate da Xunta que axuda ás pemes galegas a ser máis sostibles e a impulsar a súa competitividade // A firma destaca polos seus valores en materia de igualdade laboral TEXTO C. Estévez

Toldos Gómez: o exemplo do compromiso local e social

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade continúa a promover a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) para axudar a unhas 180 pemes galegas a ser máis sostibles e impulsar a súa competitividade. No marco desta iniciativa, a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, visitou este martes no concello de Arzúa as instalacións da empresa Toldos Gómez, unha das beneficiarias do programa Responsabilízate 2022-2024.

Mancha destacou o compromiso desta firma co emprego local e a igualdade laboral ao ter implantado medidas contra a discriminación por razón de xénero e para favorecer a corresponsabilidade entre as persoas traballadoras. A Xunta está comprometida co fomento da incorporación de criterios sostibles á xestión empresarial a través da aplicación de valores ambientais, sociais e de gobernanza, así como na posta en marcha de medidas que fomenten a igualdade de oportunidades. Tal e como especificou Elena Mancha, o modelo que desenvolve Toldos Gómez é exemplo destes obxectivos “polo seu compromiso local, polas colaboracións de acción social e por promover a igualdade no seo da organización”, dixo.

A directora xeral puxo en valor que a firma, con 113 anos de traxectoria, manteña un “firme compromiso local” tanto no que se refire ao emprego (co 78,4 % da plantilla integrada por persoas da comarca) como no desenvolvemento da súa actividade, xa que máis da metade dos provedores están en Galicia, e máis do 43 % na provincia da Coruña.

Tamén subliñou as medidas de acción social que a mencionada firma promove na súa contorna mediante a promoción de hábitos saudables nunha carreira anual que patrocina e aportacións a entidades deportivas. A Administración galega colabora con esta empresa, que dende o ano 2019 recibiu máis de 8.000 euros no eido da RSE, o desenvolvemento de plans de igualdade e do teletraballo, entre outros.

A firma arzuá conta cun Plan de Igualdade vixente ata o próximo 2023 e cunha comisión paritaria encargada do seu seguimento integrada por representantes da empresa e das persoas traballadoras. Entre outros obxectivos, Mancha remarcou o compromiso da entidade por eliminar calquera discriminación relacionada cos tipos de contrato, xornada ou categoría laboral. Tamén a aplicación deste mesmo principio aos procesos de incorporación de persoal, formación, avaliación do rendemento e promoción interna.

RESPONSABILÍZATE. A firma, ademais, é beneficiaria do programa Responsabilízate, do que este ano forman parte máis dun cento de empresas. “As pemes interesadas en participar aínda están a tempo de facelo, pois o prazo de inscrición en Responsabilízate continúa aberto na sede electrónica da Xunta ata completar as 180 prazas previstas”, especificou Elena Mancha.

Responsabilízate diríxese ás pequenas e medianas empresas que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual para impulsar a súa competitividade nun contexto de transformación no que as prácticas como a xestión responsable das persoas ou a adaptación a unha economía baixa en carbono son claves para o posicionamento.

A PROTAGONISTA
“Un mercado de traballo responsable”
Elena Mancha
Directora xeral de Relacións Laborais

“O desenvolvemento da corresponsabilidade da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras sen que afecte ás posibilidades de traballo, ás condicións laborais ou ao acceso a postos de especial responsabilidade de mulleres e homes resulta fundamental cara a avanzar nun mercado laboral responsable a futuro”, especificou Elena Mancha.

A empresa arzuá Toldos Gómez participa activamente nas actividades de formación que a Xunta de Galicia ofrece no campus en liña de igualdade laboral. Tal e como dixo a directora xeral, “varias persoas traballadoras da entidade realizaron cursos do campus sobre acoso laboral e outros obradoiros temáticos”, especificou.

En definitiva, Mancha pon en valor a empresa arzuá polo seu compromiso coa xente da comarca e por fomentar a igualdade de oportunidades.

{ A OLLADA }
Cuestión de prioridades
Claudina Estévez

É de agradecer que haxa en Galicia empresas como Toldos Gómez nas que a sensatez manda. Porque, a día de hoxe, lamentablemente, segue a primar a man de obra barata. Contratar á veciñanza non é unha prioridade se outras persoas o poden facer cun soldo menor. Así de claro e así de triste. E triste é tamén que existan moitas empresas nas que os grandes cargos os ostentan homes. Posiblemente a maioría de empregados son mulleres, pero iso si, elas son as que sacan adiante o traballo por un soldo miserable, mentres eles delegan as tarefas e se levan a final de mes un bo pellizco. E, por suposto, a empresa non lles dará un respiro se son nais. Ao revés: se puidesen acurtarlle o permiso de maternidade, non o dubidarían.

31 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.