Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A través de grafitis feitos nas paredes e muros, os mozos tomaron conciencia da arquitectura, patrimonio, urbanismo e paisaxe da capital municipal, Fonte Díaz // Pintaron 65 metros cadrados de valados // A actividade logra xerar un vínculo identitario dos máis novos coa súa localidade de orixe TEXTO Manuel Boo

Touro convértese na Vila do Mañá

A mocidade de Touro, liderada polo proxecto educativo A Vila do Mañá que capitanea a arquitecta Sandra González, traballou, aprendeu e divertiuse durante toda esta semana para mudar a faciana das rúas da súa capital municipal, Fonte Díaz.

Os máis novos, a través de grafitis feitos nas paredes, muros e valados, tomaron conciencia de todas as escalas do común na vila de Fonte Díaz: a súa arquitectura, patrimonio, urbanismo e paisaxe.

Sandra González, creadora da Vila do Mañá e arquitecta do proxecto, explica o intenso traballo feito durante toda a semana: “Primeiro debatemos e tratamos de que mozos e mozas de Touro entenderan a obra e o seu contexto; e consesuamos o traballo que íamos facer”.

Posteriormente, continúa, “preparamos o lienzo, neste caso os muros e valados de Fonte Díaz, e traballamos nas rúas Rosalía de Castro, Castelao, Ramón Cabanillas, Curros Enríquez e na Praza Martín Codax”.

Calcula a arquitecta que pintaron “arredor de 65 metros cadrados de valados”. “En cada obra seleccionada tratamos de que os máis novos foran protagonistas; conseguindo que as súas siluetas invadiran as rúas da súa vila, de Fonte Díaz”, explica Sandra González, que engade que ese é o espíritu “co que levamos traballando na Vila do Mañá dende hai anos”.

A actividade non só ten unha finalidade decorativa. Segundo o parecer de Sandra González, “así tamén logramos xerar un vínculo identitario coa súa localidade de orixe, e máis aínda se son eles quenes quedan plasmados”. E pon exemplos con nomes: “Na obra de Rosalía de Castro, o protagonista foi Juan; na de Martín Códax, foi Noa; e na de Ramón Cabanillas, Aitor”.

E a intención desta actividade tamén está ben clara: “A nosa intervención pretende que Galicia teña vilas, entre elas Fonte Díaz, máis sostibles e comprometidas”.

A Vila do Mañá, que comenzou a súa andaina no ano 2016 en Rianxo e que conta coa colaboración de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia, estivo dirixida a mozos e mozas a partir dos dez anos. “Queremos xerar nos participantes que nos acompañen unha nova identidade”, engade Sandra González, quen destacou a importancia de “ter o poder de transformar o espazo”.

De agora en diante, os máis novos do Concello de Touro e todos os veciños poderán convivir coa literatura galega na que eles memos se converteron en protagonistas.

Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Cultura e Educación, Adela Iglesias, destacou a importancia que para o Concello de Touro supón que os máis novos “estén presentes de forma activa nos procesos de construción do espazo común”.

Ao seu parecer, este proxecto permitiu “darlles as ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade dende a arte e a arquitectura, con fin de provocar neles unha unha nova mirada, ao tempo que se xeran vínculos de identidad cos espazos nos que habitan”.

16 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.