Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Touro premia as fotografías que amosen a beleza da vila

Natureza e patrimonio son os temas que poderán retratarse // Hai categoría de adultos e xuvenil // O prazo remata o día 30

Os veciños e veciñas de Touro que sexan amantes da fotografía están de noraboa. E é que o Concello convoca unha nova edición do certame Touro en imaxes, unha iniciativa que busca contribuír á creación artística, a fomentar a divulgación da fotografía, así como a promocionar os recursos naturais e histórico-culturais do municipio. Hai ata o 30 deste mes para presentar os traballos.

Segundo indican dende o goberno local poderán optar ao concurso todas as persoas físicas que o soliciten e cumpran co establecido nas bases. Cada autor ou autora poderá presentar un número máximo de catro obras. As fotografías realizaranse en branco e negro ou cor. Haberá dúas categorías: unha de adultos, dirixida a maiores de 18 anos; e outra xuvenil destinada a persoas de entre 12 e 18.

No tocante ao tema que deben abordar as obras presentadas, hai que sinalar dous: natureza ou paisaxe e patrimonio histórico-cultural da vila. “Os traballos fotográficos que se presenten deberán ser orixinais e recentes, feitos nos últimos tres anos. Non se admitirán imaxes de montaxes, nin manipulacións que non sexan exclusivamente tratamentos da cor ou axustes referentes á calidade ou procesado da imaxe”, apuntan dende o Concello.

As imaxes deben presentarse en cor ou en branco e negro (admitindo virados sempre que sexan totais, os virados parciais considéranse fotografía en cor) e deberán presentarse en arquivo dixital coas características: formato JPG, modo RGB con perfil incrustado, calidade 12, resolución 72 dpi e tamaño 1600 px polo seu lado maior. “Non poderá figurar o nome ou logotipo do autor en parte algunha”, lembran. Asemade, cada arquivo dixital debe ter a orientación correcta de visualización e no caso de series deberán presentarse pola orde desexada polo autor indicándoa no título.

Os gañadores na categoría de adultos faranse con 300 euros en cada unha das dúas categorías; mentres que os galardoados na xuvenil levaranse unha tablet (tamén en cada unha das dúas categorías). As obras presentaranse ao concurso mediante envío por correo electrónico á dirección cultura@concellodetouro.gal.

Respecto ao xurado, estará formado por un grupo de cinco persoas: o alcalde, ou a persoa na que delegue, o concelleiro de Cultura e tres persoas vinculadas ao eido da fotografía e da imaxe. O secretario será don Dalmiro Nuñez Méndez, con voz pero sen voto. “Ao xurado correspóndelle deliberar, estimar e valorar os traballos presentados. A súa decisión será inapelable e adoptarase por maioría simple de entre os seus membros. Poderase declarar deserto algún premio”, aclaran dende o Concello.

A decisión do mesmo farase pública dentro dos tres meses seguintes ao remate do prazo de entrega das obras. Por certo que o Concello organizará unha mostra con todos os traballos premiados e todos os presentados pasarán a formar parte dun arquivo creado para uso municipal.

05 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.