Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Touro, un concello cheo de rutas coas que descubrir a súa riqueza

Patrimonea organizará unha serie de roteiros guiados polo municipio // O primeiro será o día 8 e partirá da igrexa parroquial de San Tirso de Cornado

Touro emerxe como un municipio ideal para realizar rutas de sendeirismo que permitan degustar cada curruncho e a súa beleza paisaxística. Co obxectivo de dar a coñecer ao mundo toda a riqueza natural do municipio, Patrimonea, empresa de organización de rutas de sendeirismo e estratexias de posicionamento turístico para entidades públicas e privadas, promove un proxecto de roteiros guiados pola vila.

O primeiro terá lugar o vindeiro 8 de agosto e transcurrirá por diferentes parroquias do concello tourense. “No itinerario poderás disfrutar dun dos bosques de ribeira mellor conservados de Galicia. Unha ruta deseñada para que os camiñantes poidan gozar coa riqueza paisaxística e patrimonial das terras bañadas pola Ulla”, sinalan dende Patrimonea. “A característica diferenciadora de Patrimonea con outras empresas que organizan rutas está en que ofrece unha mirada profunda á paisaxe que lle permitirá ao sendeirista coñecer a súa evolución ao longo do tempo a través da historia e a cultura local”, engaden.

A ruta circular que organizan ten o seu inicio/chegada na igrexa parroquial de San Tirso de Cornado. Ao longo dos 15 quilómetros (aproximados) os participantes desfrutarán das fervenzas, de impoñentes pazos da idade moderna e de antigas corredoiras que retrotraen a outros tempos. O itinerario combina os mellores tramos da coñecida ruta PR-G 121 (a dos tres ríos) e a PR-G 233 (Fervenza Santa Marta ao río Lañas) con sendeiros que levan ó camiñante a diferentes núcleos de poboación.

Ao rematar a andaina, grazas á colaboración do Pazo de Andeade, os participantes coñecerán a historia deste ben patrimonial do século XVIII, actualmente parada obligatoria para centos de peregrinos do Camiño de Santiago.

O prazo de inscrición estará aberto ata o mediodía do próximo venres día 5. Os interesados poden anotarse a través do correo electrónico patrimoneaulla@gmail.com ou no WhatsApp (699 680 217). Dende a empresa animan a visitar as súas redes sociais para obter máis información sobre a mesma.

Advirten, iso si, de que están a ter en conta de forma estrita as medidas anti-COVID. Por iso xa avisan de antemán de que non se pode asistir “se tes algún dos síntomas compatibles con esta enfermidade (febre, tos...). O uso da máscara é obrigatorio sempre e cando non se poida respectar a distancia de seguridade. O incumprimento das medidas é un motivo xustificado de expulsión da actividade”, avisan os organizadores.

Lembran asemade que é imprescindible levar calzado axeitado para a práctica do sendeirismo, así como bebida para hidratarse ben e unha máscara de reserva.

FORMA DE PAGO
Pode ser o mesmo día

··· O pago pode facerse en efectivo o día da ruta (moi importante traer os importes exactos) e facer a reserva previamente por correo electrónico ou WhatsApp.

··· Outro método de pago será a través de Bizum (607 762 260). Hai que confirmar a reserva cun correo electrónico indicando a realización do pago por Bizum e achegando os datos persoais dos inscritos.

··· Tamén se pode facer mediante transferencia bancaria á conta: ES91 2080 0321 7830 0006 3625. A reserva farase cun correo electrónico a patrimoneaulla@gmail.com cos datos persoais para formalizar os correspondentes seguros (nome e apelidos, DNI e idade en caso de non ter 18 anos).

04 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.