Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A Xunta destina este ano un orzamento de 34,2 millóns de euros á celebración dos obradoiros duais, o máis alto da década // A convocatoria permitirá desenvolver 94 actuacións e atender a totalidade das solicitudes achegadas TEXTO Marta Torres

Trampolín laboral para dous mil galegos desempregados

Tender pontes e mellorar as oportunidades de inserción laboral. Con ese obxectivo a Xunta celebrará no período 2021-2022 un total de 94 obradoiros, que ofrecerán formación e un contrato de traballo a preto de 2.000 persoas sen emprego da Comunidade. Deste xeito, o Goberno galego ampliou este ano ata 34,2 millóns de euros (un 48 % máis respecto da anterior) o orzamento da convocatoria, coa que dá resposta ó 100 % das solicitudes presentadas.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, anunciou que a Administración autonómica comezou este venres a notificar a resolución da convocatoria para este curso académico, a maior dos últimos dez anos en canto a orzamento, actuacións a convocar e número de alumnos e alumnas.

Fíxoo acompañada polo delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, durante unha visita que realizou ao obradoiro de emprego sobre repoboación forestal e tratamentos silvícolas dos concellos de Outes, Noia e Lousame, onde destacou a importancia destas ferramentas para formar e dar a posibilidade de acceder a un emprego ás persoas participantes.

Tal e como remarcou Lorenzana, “os obradoiros de emprego permiten dotar á nosa poboación activa de formación de calidade, e ao tempo desenvolver un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. Unha vez rematados, dixo, “contemplan a opción de traballar nunha empresa da contorna, a xornada completa, por un mínimo de tres meses, a través dos incentivos á contratación concedidos desde a Administración autonómica”.

A Xunta vén de reforzar a convocatoria deste ano de obradoiros duais, co maior orzamento da década, o maior número de accións e de persoas beneficiarias. Neste sentido, a conselleira destacou que “este ano acadamos realizar unha aposta sen precedentes polos obradoiros de emprego, como xeito de entender a simbiose entre a formación e o emprego”. Lembrou que na actual convocatoria se acadan múltiples cifras récord: en canto a orzamento, o maior da década, con 34 millóns de euros, que permitirán celebrar 94 obradoiros en toda Galicia e chegar a preto de 2.000 persoas, co que se incrementa en máis dun 50 % o número de participantes respecto ó ano pasado, acadando tamén a cifra máis elevada dos últimos dez anos.

Ademais, con estas ferramentas incídese na inserción no mercado laboral de persoas en situación de especial dificultade, entre outras, emigrantes retornadas, mulleres, vítimas de violencia de xénero, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, paradas de longa duración, con discapacidade, maiores de 45 anos ou traballadores que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior.

Neste marco, a Xunta fomenta os programas que inclúan formación forestal, como o de repoboación e tratamentos silvícolas promovido polo Concello de Outes, en convenio cos de Noia e Lousame. No mesmo formáronse un total de 20 alumnos-traballadores, 5 mulleres e 15 homes, e a metade dos participantes teñen unha idade comprendida entre os 18 e os 24 anos. Investíronse nesta actividade un total de 346.946 €.

a protagonista
“Hai proxectos vitais que precisan apoio”
María Jesús Lorenzana
Conselleira de Emprego
e Igualdade

Na visita que realizou este venres ao obradoiro de emprego sobre repoboación forestal e tratamentos silvícolas dos concellos de Outes, Noia e Lousame, Lorenzana destacou que “tras cada participante hai proxectos vitais que precisan do noso apoio e que agora van ser dotados de novas posibilidades laborais, con oportunidades de traballo que teñan en conta a realidade económica e social da súa localidade ou comarca, promovendo así o emprego local e a fixación de poboación no municipio do que forman parte”, salientou a conselleira.

A convocatoria 2021-2022 permitirá desenvolver un total de 94 actuacións e atender á totalidade das solicitudes achegadas polas entidades. A Administración galega concedeu 26 obradoiros na provincia da Coruña, 20 na de Lugo, 28 na de Ourense e 20 que se celebrarán na provincia de Pontevedra.

{ BLANCO O NEGRO }
Sin trabajo no hay futuro
Marta Torres

Este viernes muchas entidades recibieron la comunicación de la concesión de la subvención de la Xunta para poner en marcha los obradoiros de empleo. Entre ellos, ayuntamientos de Área, como Carnota y Muros, que promueven un taller conjuntamente. En este caso, más de 350.000 euros proporcionarán formación a 20 personas en las especialidades de carpintería y aprovechamiento forestal, un certificado profesional y un contrato de trabajo. Por eso es de aplaudir que el Gobierno gallego mantenga estos programas y que se incrementen los presupuestos destinados a tal fin. Dar una alternativa a los parados que claman por una salida, sin duda, saldrá más barato que subsidiarles. No olvidemos que sin empleo no hay futuro.

11 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.