... “Trataría de coidar as rúas e o mobiliario urbano”
Carmen Noya
Residente en O Milladoiro, casada e cun fillo, que tres cousas faría en favor da veciñanza?
O primeiro sería mellorar todo o que é a instalación social do Concello. Eu enfocaría isto en O Milladoiro, que é onde vivo, porque é certo que en Bertamiráns as zonas verdes están moi coidadas, e aquí está todo abandonado. Segundo, estaría ben que houbese unha ruta que conectase Bertamiráns e Santiago porque hai moita xente que sae a camiñar, e hoxe en día coa pandemia, máis. Terceiro, mellorar o mantemento das rúas e mobiliario urbano. As beirarrúas teñen moitas baldosas levantadas, os bancos están estropeados, faltan papeleiras... Tamén sería bo que houbese máis actividades para as persoas maiores e nenos, porque é o concello, creo, coa natalidade máis alta de Galicia.
Que é o mellor de vivir no concello de Ames?
Eu unha das cousas que vin vantaxosas cando o meu neno era pequeno son as propostas de conciliación. Tamén é positivo a cercanía ao centro de Santiago.
E o que peor leva?
A falta de zonas verdes para camiñar. Eu desprázome moito fóra para facer andainas, e aquí se non te metes polo monte, non tes unha zona bonita. Boto de menos ese ambiente de pequena cidade. Son precisos máis parques e zonas verdes para poder dar un paseo.