Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
MEMORIAL. Un concerto repasará a traxectoria da pianista, sobriña do ilustre escritor local // Soarán tamén poemas musicados de Rosalía, Castelao, Ramón Cabanillas ou Curros Enríquez TEXTO Suso Souto

Tributo musical a Mireya Dieste en Rianxo

Mireya Dieste, que morreu en 2015 aos 99 anos, era sobriña do ilustre escritor rianxeiro Rafael Dieste, filla de Eduardo, un dos irmáns maiores do celebrado autor de A fiestra baldeira. Mireya-Magdalena, que residía na Coruña, pasou boa parte da súa infancia en Rianxo e logo comezou un periplo polo mundo acompañando en primeira instancia ao seu pai, que era diplomático. Mireya foi unha intérprete moi destacada de piano, instrumento que empezou a tocar de nena. Concretamente o de seu pai, da marca catalana Ortiz & Cusso, que data de principios do século XX e que se custodia en moi bo estado de conservación na Casa Museo de Rafael Dieste, en Rianxo.

Render homenaxe ás súas importantes contribucións e ó seu legado é un dos obxectivos do memorial rianxeiro que leva o seu nome e que, por quinto ano consecutivo, organiza a Irmandade da Música Galega coa colaboración do Concello.

Este ano inclúe dúas propostas. O venres día 18 deste mes terá lugar ás 21.00 horas no auditorio da localidade o concerto do grupo Rosalía Trío, que interpretará pezas do seu álbum Has de cantar, presentado en 2022, xunto con obras de Marcial del Adalid, Francisco Piñeiro e Pascual Veiga e as estreas de composicións realizadas para Rosalía Trío por Juan Durán (Premio de Composición Raíña Sofía 2018), Antón de Santiago, León Durán Viso, Margarita Viso, Juan Berná e o italiano Ciro Ferrigno sobre poemas de Rosalía de Castro, Fanny Garrido, Curros Enríquez, Afonso Daniel Rodríguez Castelao, Ramón Cabanillas, Esther López Castro e Yolanda Castaño.

LELA E NO BICO UN CANTAR. O grupo Rosalía Trío está formado por María José Ladra (mezzosoprano), Juan Pérez Berná (oboe e corno inglés) e Margarita Viso (piano). Entre as pezas que interpretarán figuran Lela (con letra de Castelao e música de Juan Durán); O faro e a lúa (con letra de Yolanda Castaño e música de Juan Berná); Mi olor más puro (con letra de Rosalía de Castro e música de Ciro Ferrigno); Ofrenda a Rosalía (con letra de Ramón Cabanillas e música de León Durán); ou No bico un cantar (con letra de Curros Enríquez e música de Antón de Santiago).

O Memorial Mireya Dieste continuará o sábado día 19, ás 20.30 horas, tamén no auditorio, co concerto titulado Mireya ao piano, con Goretti Domínguez ao piano e con guión e narración do historiador musical Xosé Luis do Pico Orjais.

VALS DE RIANXO. Ambos farán un percorrido polo mundo sonoro dos Dieste. Un relato sobre os primeiros estudos de Mireya, Sonata de Beethoven, a música que interpretaban no salón do seu fogar, e a relación familiar con Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón, amigo da familia Baltar e arquitecto que deseñou o Pazo de Tanxil.

Soará tamén a obra Recuerdos de mi rincón, de Turina, unha peza de carácter incidental que representa unha tertulia de café. Rematará o concerto cun novo arranxo para piano do Vals de Rianxo, composto por Alejo Amoedo. A partitura orixinal desta composición pertenceu no seu día á familia de Rafael Dieste, que lla doou a unha saga de músicos locais, a familia Nine, xunto a outras de autores como Soutullo, Felipe Carvajal ou Ruperto Chapín.

JOSÉ RAMÓN NINE PIÑEIRO. O vals está titulado como Rianjo: capricho para piano, pero a sinatura que figura na súa partitura non permite identificar ao autor. Un dos descendentes de dita saga, José Ramón Nine Piñeiro, quen tamén é músico, doou ese valioso legado ó Concello cando se puxo en marcha a Aula de Cultura Musical da UNED Sénior de Rianxo, que levou a cabo un interesante traballo para recuperar o cancioneiro tradicional deste municipio e todo o material e a documentación que se recompilou ao respecto no marco dun ambicioso e froitífero proxecto de investigación.

A actuación de Goretti Domínguez e Do Pico Orjais irá acompañada dunha proxección de imaxes a cargo de Tero Rodríguez.

delegribeira@elcorreogallego.es

07 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.