Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Trinta anos de inclusión de persoas con diversidade da Costa da Morte

Íntegro atende actualmente as necesidades de corenta e tres familias // O reto segue a ser a formación e o emprego e sacarlle un sorriso ós usuarios cada día

O 1 de febreiro de 1992 sete persoas con discapacidade de Ponteceso e Cabana decidiron unir esforzos e constituír a Asociación de Minusválidos Ponte-Cabana. Un deles era Adolfo López, presidente da que hoxe coñecemos como Asociación Íntegro das Persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte, que vén de cumprir 30 anos “camiñando cara a inclusión”. “Choveu moito dende entón”, afirmaba este venres no acto conmemorativo, pero “o feito está a vista de todos”. Di que foron tres décadas de “traballo, perseverancia, inquedanzas e tamén algunha decepción no camiño” pero froito dese labor hoxe “estamos cubrindo as necesidades de 43 familias da Costa da Morte”.

López Baña lembrou que as primeiras xuntanzas do colectivo celebrábanse nun bar de Ponteceso. A maioría dos membros eran lesionados medulares e as súas primeiras accións foron encamiñadas a “sensibilizar e informar á poboación sobre as causas e consecuencias de sufrir un accidente medular”. Así naceu a campaña que aínda manteñen na actualidade.

Un dos primeiros atrancos foi a financiación, polo que tiveron que tirar da imaxinación para recadar fondos e decidiron organizar desfiles de moda “integradores” nos que participaban modelos con e sen discapacidade.

Dende as súas orixes, engadiu, a asociación comprometeuse coa formación e a busca de emprego. Un reto complicado, que os levou a crear o Centro Especial de Emprego Íntegro Xardinería e Medio Ambiente. Despois, no 2001 inauguraron as instalacións de Nantón, e en xullo do 2013 constituiron o Centro Especial de Emprego Máis Porvir Xestión Social, dedicado á prestación de servizos socio-sanitarios e labores auxiliares para empresas e administracións públicas que na actualidade ofrece traballo a 42 persoas, das que 39 teñen algún tipo de discapacidade.

A directora de Íntegro, Noelia Barreiro, subliñou que un dos grandes avances nestes trinta anos “foi o cambio de mentalidade da sociedade respecto da percepción que se tiña sobre a diversidade”.

Agora, trinta anos despois afrontan o 2022 con novos retos, entre eles a ampliación da sede de Nantón, que lles permitirá ampliar o número de usuarios de 45 a 63. O que nunca cambiará, afirmou Adolfo López, “é o feito de que seguiremos sendo unha entidade comprometida coa nosa misión de alcanzar a inclusión das persoas con diversidade funcional e recoñecida polos nosos valores”.

O reto segue sendo, engadiu, “sacarlle un sorriso cada día ós nosos usuarios, iso xa é un logro importante”. Do bo labor da entidade deron conta tamén outros directivos, como Silvestre Couto, outro dos fundadores, e tamén traballadores como Anabel, quen afirmou que “é moi gratificante ir para a casa co sorriso das persoas aças que axudo”. Toni, un dos usuarios e traballador do centro de emprego dixo que “para min entrar en Íntegro foi un cambio moi grande, e hoxe son máis independente”.

actividades aniversario
encontros, Concursos, charlas e unha romaría

··· Con motivo do 30 aniversario, Íntegro ten programas diversas actividades conmemorativas. En xuño celebrarán o acto central no auditorio de Cabana, no que usuarios e traballadores amosarán o bo facer da entidade e darán a coñecer todo o labor feito. En xullo terán lugar unha Romaría da Inclusión, aberta á veciñanza e no segundo semestre organizará un ciclo de conferencias sobre diversidade e inclusión. Actualmente xa teñen en marcha o concurso para escolares de primaria baio o lema ‘Camiñando cara a inclusión”.

··· Ao longo deste ano prevén tamén acometer as obras de ampliación do Centro Ocupacional, a cociña e os baños. Habilitarán con tal fin un espazo de 110 metros cadrados. Asemade, crearán unha aula ocupacional de reciclaxe de plásticos, unha actividade enmarcada no proxecto Diversiplás, que veñen desenvolvendo nos últimos anos en colaboración con diversos colectivos.

05 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.