Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
patrimonio. Tras a rehabilitación que a desposeíu dunha cuberta de fibrocemento, a canalización de Artes, que data dos anos corenta, é agora un espazo para gozar da natureza // Antes estaba seca, pero
a auga volve percorrer as súas pedras // Ao seu carón fíxose unha grada en forma de uve TEXTO Suso Souto

Trinta metros de lavadoiro... para falar

Os lavadoiros tiveron unha doble función na Galicia rural: por unha banda, eran lugares de acceso á auga corrente onde poder lavar a roupa cando aínda non existía o subministro extensivo e, por outra, eran espazos de relación entre as mulleres da zona. “Tradicionalmente, o lavadoiro foi un espazo exclusivo da muller e un lugar de relación entre as veciñas. Un ámbito onde o home non tiña cabida e onde as mulleres do lugar se relacionaban fóra do ámbito familiar”, sinala o arquitecto Carlos Seoane, a quen o Concello de Ribeira lle encargou no ano 2018 a rehabilitación do espectacular lavadoiro de Artes, de case trinta metros (o máis longo do municipio) construído nos anos corenta.

Hoxe, ese lugar é un punto de encontro para todos, homes e mulleres, nenos e maiores, e no que a auga segue correndo á sombra de árbores autóctonas. Un espazo para falar, para ler, para descansar, para escoitar, para soñar...

A intervención, desenvolvida por Sonense de Granitos S.L. a partir do deseño de Seoane, tivo un custo de 41.338 euros (IVE incluído) e contou cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente da Xunta.

Seoane deseñou unha grada en forma de uve para fomentar a interacción entre as persoas que visitan o lavadoiro e, de paso, promover a interacción co entorno, onde se percibe a tranquilidade e certa soidade, como é o bolo de pedra que está situado xusto fronte á grada.

O lavadoiro emprázase no inicio do paseo fluvial do río Artes, definido por unha paisaxe de carácter rural. A rehabilitación levada a cabo converteu en protagonista á auga circulante do río, dándolle ó entorno unha dimensión social, pero tamén de reflexión, onde a presenza dunha corrente sosegada de auga de trinta metros de lonxitude á sombra de árbores autóctonas permite un estado de percepción diferente.

O material básico da intervención foi o granito silvestre do Barbanza, procedente dunha canteira situada a escasos quince quilómetros: un material de nulo mantemento e de fácil reciclaxe, “pero á vez coa capacidade que ten a pedra de transmitir unha certa idea de eternidade e quizá, por iso, de sosego”, sinala ao respecto o arquitecto Carlos Seoane.

TIÑA PIARES DE FORMIGÓN. Orixinariamente, o lavadoiro tiña unha cuberta de fibrocemento colocada sobre piares de formigón executada na década dos anos setenta que, ademais de inapropiada, atopábase moi deteriorada. Dita cuberta e a súa estrutura de formigón foron retiradas para recuperar a condición natural do lugar e do río. Neste senso, limpouse o entorno do cauce fluvial e abasteceuse de auga ó lavadoiro (que antes da actuación estaba seco). Tamén se recuperou tanto o enlousado de pedra (completándoo con adoquín vello reciclado) como a bancada orixinal (onde as mulleres se sentaban e se reunían).

Os traballos supuxeron unha actuación directa sobre o espazo de 250 metros cadrados e unha sobre o entorno que alcanzou os 1.400.

O pasado ano, esta intervención quedou finalista na Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo.

delegribeira@elcorreogallego.es

02 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.