Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Triplican os premios amesáns para os mellores Galetiktokers do país

Haberá seis galardóns de 300 euros na gala que presentará Pauliña // Admiten traballos ata o 21 de outubro // Buscan divulgar a creatividade e o uso da lingua

Galetiktokers, o certamen organizado polos departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames, volve por terceiro ano consecutivo coa mira posta en estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e visibilizar a comunidade galega na rede social TikTok. E a mocidade (a partir dos 13 anos) poderá participar ata o 21 de outubro.

Para tomar parte deberán enviar a súa creación audiovisual e a ficha municipal de participación que aparece na web por email (galetiktokers22@gmail.com). Ademais, a contía dos premios triplícase con respecto ao ano pasado, con seis galardóns de 300 euros que se repartirán nunha gala o sábado 5 de novembro, prevista na casa da cultura do Milladoiro.

Deste xeito, os departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames danse de novo a man para retomar un concurso que supón a oportunidade para que a mocidade se sume á creación de novos formatos co galego como marca de identidade. As súas pezas audiovisuais, creadas seguindo o estilo da rede social TikTok, optan este ano a un total de 1.800 euros, repartidos en media ducia de premios.

Para presentar a cita elexiuse o anfiteatro do Milladoiro, un dos puntos de encontro máis frecuentados pola mocidade da vila, que acolleu a presentación da terceira edición do certame Galetiktokers. Ao acto asistiron a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín; Rosa Moreiras e Pili Villaverde, técnicas dos departamentos de Normalización Lingüística e da OMIX; Paula Chaves, coñecida artisticamente como Pauliña, que presentará a entrega de premios, e persoal da empresa Xurdir.

“Queremos achegarnos á mocidade nun dos formatos que lles resulta máis interesante. As redes sociais son unha das formas principais de comunicarse dos mozos e mozas e polo tanto buscamos xuntar as dúas cuestións: as redes sociais e a comunicación co fomento da lingua galega”, sinalou a edil de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, que animou aos novos a participar. “Todo será ben recibido, que deixen a vergoña metida nun caixón e que nos acheguen esas creacións co talento que caracteriza ás mozas e mozos de Ames, e por suposto, ás de todo o país”.

No mesmo senso pronunciouse a artista Paula Chaves, máis coñecida como Pauliña: “Convídovos a participar a todos os que fagades contido en galego, xa sexa cómico, a prol da lingua, ou o que queirades. Todo vale mentres esteades etiquetadas no Instagram da OMIX de Ames, onde se levará a cabo a votación dos vídeos, que deben durar entre 15 e 60 segundos. Isto é para divulgar un pouquiño a nosa lingua, para que o contido sexa fresco e que a mocidade se aproxime máis ás tecnoloxías dende o noso idioma”.

CATEGORÍAS. No certame poden participar mozos e mozas a partir dos 13 anos, repartidos en dúas seccións en función da idade. A primeira categoría inclúe á rapazada dos 13 aos 16 anos (ambas as idades incluídas) e a segunda engloba a mocidade a partir dos 17 anos. Ao igual que na anterior edición, pode participar calquera persoa, sen ter que ser veciño ou veciña do concello.

Como novidade, o certame repartirá seis premios de 300 euros. Catro dos galardóns vainos decidir un xurado formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais, mentres que os outros dous serán escollidos polo público, que votará premendo “gústame” nos vídeos subidos ao perfil de Instagram da OMIX de Ames (@omixames). Deste xeito, cada categoría recibirá tres galardóns: dous do xurado e un do público.

Os vídeos creados para o III Galetiktokers teñen que estar en lingua galega, e deben ser de creación propia a través da aplicación TikTok ou da sección Reels de Instagram, cunha duración de entre 15 e 60 segundos. Será obrigatorio que a lingua teña presenza, xa sexa de xeito oral, escrito ou musical. A temática é libre, polo que terán cabida no concurso pezas relacionadas coa música, co humor, co baile, coa interpretación, co deporte ou con calquera outro tema. Non se admitirán vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.

Todas as pezas admitidas subiranse ao perfil de Instagram da OMIX de Ames (@omixames), co cancelo #galetiktokers. O prazo de votación para determinar os premios do público será unicamente de dous días, das 11.00 horas do 25 de outubro ás 11.00 horas do 27 de outubro, combinando os “gústame” recibidos nas publicacións no perfil de Instagram da OMIX de Ames.

03 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.