Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
RUTAS. A Pobra ofrece os servizos dun guía para descubrir os tesouros naturais do curso fluvial do Pedras ó longo de dous Km // Rianxo programou vinte travesías pola ría de Arousa a bordo do ‘Evangelina Uno’, construído en 1912 TEXTO Suso Souto

Turismo río abaixo ou navegando ó solpor nunha goleta centenaria

Cada vez son máis as persoas que optan por coñecer os encantos naturais da comarca do Barbanza apuntándose a visitas turísticas guiadas. Fano por mar e por terra. Os concellos sábeno, e este verán incrementaron notablemente a oferta nese eido.

Un dos principais reclamos paisaxísticos da Pobra é o río Pedras, que nace do abrazo das augas frías e cristalinas do río Folgoso (ou das Bestas) e do río Barbanza, que se deslizan precipitadamente dende os cumes da Serra do Barbanza e que xeraron unha sucesión de piscinas naturais ó abrirse paso entre as rochas.

A concellería de Turismo planificou en torno a este curso fluvial unha ruta turística guiada que se suma ao completo calendario de lecer deseñado para a tempada estival. Esta nova actividade remarca a aposta da administración local por diversificar a oferta turística poñendo o foco, nesta ocasión, nunha paraxe de gran riqueza que reúne natureza, historia e lendas.

O itinerario, con guía titulado, poderase facer os vindeiros días 22 e 29 de xullo e 5, 19 e 30 de agosto. Ten unha duración de tres horas e abarca aproximadamente dous quilómetros. A dificultade é media-alta, polo que está recomendado para maiores de doce anos.

As saídas efectuaranse ás 10.00 horas, co aparcadoiro fronte ao mercado municipal como punto de encontro. As prazas son limitadas e requírese inscrición previa na oficina de turismo da Casa Mariñeira, nos teléfonos 671 09 0262 e 687 482 835 ou no enderezo electrónico turismo@apobra.gal. O importe a pagar para desfrutar desta experiencia é de 13,50 euros por persoa e inclúe tamén os traslados en autobús.

Pola súa banda, o Concello de Rianxo promove este verán un programa de vinte travesías nun histórico veleiro para que a veciñanza e visitantes da vila poidan gozar da ría de Arousa. Trátase da goleta Evangelina Uno, un barco construído en 1912, de 19 metros de eslora e 5 de manga que no seu día se dedicou ó transprote de mercadorías, adaptado agora para a navegación a vela.

As saídas marítimas partirán do Club Náutico de Rianxo e durarán unha hora e media, incluíndo dúas opcións: unha travesía mariñeira polas mañás e unha saída ao atardecer para gozar das paisaxes e o solpor. Os meses de xullo e agosto inclúen a meirande parte das saídas, e o xoves 15 de setembro pecharase o programa no marco do Feirón Mariñeiro.

A embarcación ten capacidade para 12 prazas. A travesía mariñeira iníciase ás 10.00 horas e permite coñecer tradicións e oficios mariñeiros da ría, como a cría do mexillón nas bateas. A travesía do atardecer comeza ás 21.00 horas e permite gozar das paisaxes privilexiadas da ría máis grande e as panorámicas do solpor.

Estas rutas terán lugar os días 27 e 29 de xullo; 3, 5, 10, 17 e 24 de agosto, e 15 de setembro (travesía mariñeira). É necesario inscribirse de xeito presencial e recoller os billetes nos puntos de información turística de Rianxo, cos nomes de cada persoa e un teléfono de contacto. Os billetes de reserva presentaranse para o acceso á embarcación. O prezo é de 15 euros para maiores de 12 anos e de 10 euros para os menores desta idade. O pagamento realizarase na embarcación.

O punto de encontro é o Club Náutico de Rianxo, na caseta de vixilancia situada na marxe dereita de acceso. Cómpre chegar media hora antes da saída da embarcación (ás 09.30 horas para as travesías mariñeiras e ás 20.30 para as do atardecer). Os teléfonos de información son o da oficina de Turismo de Rianxo (604 023 753) e o da tripulación da embarcación (644 525 976).

delegribeira@elcorreogallego.es

20 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.