Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Un mural invita en Caldas a reflexionar sobre estereotipos

O traballo da artista e feminista Btoy é unha imaxe trampa de 30 metros de longo e 8 de alto

O rostro dunha muller moza e fermosa suaviza a dura frase que figura ao seu carón, da escritora e feminista Bell Hooks: “Toda sociedade baseada na dominación aproba a violencia”. Esta é a “imaxe trampa” que a artista Btoy (Andrea Michaelsson) plasmou nun gran mural de 30 metros de longo e 8 de alto na rúa Porto do Río de Caldas.

A creación invita ao público a reflexionar sobre os estereotipos e sobre como “a sociedade maquilla a violencia de xénero e edulcora unha discriminación estrutural que nos afecta ás mulleres desde o momento en que nacemos”. Esta acción é a nova proposta do programa Mulleres en Acción. Violencia Zero, que xa forma parte do patrimonio de Caldas de Reis e que foi presentada pola artista, xunto á deputada provincial de Igualdade Victoria Alonso, o deputado Manuel González e o alcalde, Juan Manuel Rey, coa presenza de representantes da Corporación municipal e de alumnado do Obradoiro de Emprego.

O mural de Btoy leva por título En branco... A violencia simbólica, e nel a artista enfoca a súa denuncia cara os estereotipos que marcan ás mulleres de todas as idades nunha sociedade de dominación contra elas, “porque sempre hai un estereotipo da muller violentada, e a violencia exércese contra a muller polo feito de selo, sexa maior, moza ou nena”, sinala.

Andrea Michaelsson quixo tamén poñer en valor o traballo das mulleres artistas que, como ela, están a apostar pola pintura de murais en gran formato en espazos públicos.

“Isto é un reto, porque este traballo era masculinizado, e con certa constancia e ganas sobre todo, pois fomos comezado unhas poucas, e despois de que se visibilizase están a entrar neste arte moitísimas máis mulleres con boas propostas”, explicou.

Con respecto ao tema do seu mural, a artista engade que “a propia sociedade está permanentemente reforzando e moldeando estereotipos e, sobre todo, perxuízos. A cuestión está non só en detectalos, que xa os coñecemos; a clave é recoñecer como nos colocamos eses estereotipos sen darnos conta”.

Nas súas intervencións, tanto a deputada de Igualdade, Victoria Alonso, como o alcalde, Juan Manuel Rey, agradeceron ao veciño da localidade Isaac Froján que ofrecese este muro da súa propiedade para que a artista plasmase a súa obra.

Finalmente, Alonso subliñou que o novo mural invita á veciñanza de Caldas “a desfrutar da arte e a reflexionar sobre a violencia de xénero” e convidou a utilizar a nova obra “como fío condutor para recapacitar e falar do cambio que temos que facer na sociedade para acabar coa lacra da violencia machista”.

13 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.