Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Rianxo atesoura no Museo de Manuel Antonio o compromiso que asinaron de mozos o escritor e dous amigos // A estrela que o poeta do mar estampaba nas súas cartas é xa un emblema local // Amósanse obxectos persoais do autor e unha colección de fotos da vila de principios do século pasado TEXTO Suso Souto

Un pacto de sangue polo galego

Rianxo ten a súa propia estrela. E, aínda que por casualidade, ou non, figura este ano no alumeado de Nadal, non é a que se pousou sobre un pesebre, senón a que preside a fachada do Museo de Manuel Antonio, o poeta do mar, na casa na que naceu o doce de xullo de 1900. Esa estrela chámase excelsio e con ela asinaba o autor as súas cartas e anotacións. É a mesma estrela que usaron outros membros das Irmandades da Fala. “Un contrasinal entre irmáns, convertido en emblema da liberdade e da soberanía nacional”, como explicou Pepe Barro.

Ese museo vén de cumprir dez anos como un dos altares da literatura rianxeira. Trátase dunha vivenda de dúas plantas, sita na rúa de Abaixo, que abriu seu avó, Ramón Pérez Otero, de Taragoña, á volta da emigración.

Cando o visitante se adentra neste espazo museístico inicia unha viaxe no tempo para coñecer o Rianxo de principios do século vinte, observando as fotos que deixou para a historia José Pérez, primo do autor. Fotografou as súas rúas, as súas procesións, as súas romarías e ata os rostros das súas xentes para os carnés. É o Rianxo de Manuel Antonio, a vila que lle podería disputar a Roma o título de cidade eterna, como el mesmo lle dixo nunha carta a outro galeguista ilustre da rúa de Abaixo, Rafael Dieste.

Nas vitrinas e estantes da casa están as pipas de tabaco do autor, as súas fotos familiares, os libros que lle regalaron e dedicaron, as publicacións nas que colaborou, os libros da súa biblioteca persoal, a pizarra que usou con cinco anos en Iria Flavia, as súas carteiras, as súas axendas e ata o billete da súa última travesía en barco cando en 1929 baixou en Cádiz do pesqueiro Arousa, tocado xa de morte pola tuberculose.

E está tamén unha das 35 cartas que se cruzou co seu amor de mocidade, Mercedes Rodríguez Pimentel, unha rapariga que lle arrincou máis dun suspiro entre 1917 e 1918.

Todas estas historias e moitas máis ganduxounas con rigor e paixón unha das persoas responsables da musealización da casa de Manuel Antonio: Xosé Luís Axeitos, membro da Real Academia Galega.

Pero o verdadeiro tesouro é o Pacto de Sangue que o poeta asinou cando tiña 17 anos con dous amigos, compañeiros de Bacharelato (Marcial Rodríguez Cebral e Manoel Xaquín González Mato), no que se comprometían a falar sempre galego e que, en efecto, asinaron con pingas de sangue: “Xuramos polo noso honore de cabaleiro e pola salvación de Galicia, nosa soila patrea, tendo por testigo a Dios e nosa concencia, cumplir as obligaciós que temos desd’agora por este pacto de sangre. Somos hirmáns, n’o noso corpo corre e cercula a sangre d’os tres, noso deber é que nos tratemos coma hirmáns. Polo tanto, defender, falar e facer uns c’os outros o que fariamos con nosoutros mesmos. O cal firmamos e ratificamos c’a nosa letra e ca nosa sangre para telo sempre presente”, escribiron no papel.

Iso si: o documento que se amosa é un facsímil, pois o orixinal só estivo alí dous anos (dende que se abriu o museo en 2011 ata 2013). Actualmente custódiase na Fundación Barrié de la Maza por razóns de seguridade e para mellor acceso a investigadores.

A colección de obxectos persoais e publicacións relacionadas co autor é tan variada e valiosa que a súa vida e a súa obra pódense respirar neste museo cheo de historia e historias.

Nesta casa viviron moito tempo os curmáns de Manuel Antonio, é dicir, os fillos de seu tío Manuel Pérez, que foi alcalde de Rianxo polo Partido Liberal, igual que o foi, pero polo Partido Conservador, Mariano Rodríguez, pai doutro ilustre veciño do poeta: Castelao.

A casa acolleu a mediados do século pasado a primeira compañía de electricidade da vila (Electra), que atendía Domínguez, curmán político de Manuel Antonio. Uns anos máis tarde foi a súa curmá Rosa quen instalou alí a central de teléfonos da localidade.

Manuel Antonio faleceu o día 28 de xaneiro de 1930 na casa que dona Pura, súa nai, comprara en Asados, parroquia onde exercera de mestra desde 1916. Unha casa que aínda existe, no lugar de Cerdeiras, e que dona Pura vendeu nos 40.

Para visitar o museo é preciso concertar cita chamando ó 981 866 663 ou na Oficina de Turismo.

03 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.