Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
PATRIMONIO. O itinerario de case dezasete quilómetros permite coñecer vestixios dos talleres e diques das antigas carpinterías de ribeira // Chegou a haber trinta e seis estaleiros // Quedan catro en activo // Nesta ruta poden visitarse as ruínas dos de Broña e San Cosme, que conserva a rampla TEXTO Suso Souto

Un roteiro por Outes cos pés mollados

A construción de barcos de madeira, unha actividade moi importante no pasado e que na actualidade se está reflotando en alianza coas novas tecnoloxías, está no ADN de Outes. Alí, os únicos estaleiros que se conservan están localizados no porto do Freixo, desenvolvendo un labor de carpintería de ribeira de tipo tradicional e familiar ou reconvertidos en talleres de reparación de buques que no seu conxunto, dan traballo a preto dun cento de persoas.

Outes, en xeral, e San Xoán de Sabardes (O Freixo), en particular, foron a principios do século XX o concello e parroquia con máis carpinterías e talleres de construción de embarcacións de madeira en Galicia, contabilizándose ata 36.

Nesas instalacións construíronse cantidade de barcos, sobre todo de cabotaxe, entre 1880 e 1920. A súa intensa actividade mantívose ata 1940, momento no que iniciou o seu declive, e na actualidade só quedan catro talleres en activo.

Os seus artesáns profesionais son as últimas testemuñas dun glorioso pasado que forxou a identidade dun pobo. Visitar os lugares nos que a construción naval en madeira fixo historia é coñecer mellor Outes.

E, para brindar esa oportunidade e, de paso, promocionar o espectacular entorno natural do seu litoral, o Concello deseñou un itinerario que cada vez se animan a percorrer máis visitantes: o Roteiro dos carpinteiros cos pés mollados.

Nel atópanse os numerosos vestixios que deixou esta industria dende O Freixo de Sabardes á Punta do Langaño e mesmo ata a desembocadura do Tambre, no lugar da Corga, en A Ponte Nafonso. As ramplas, os diques e os restos de estaleiros que durante sesenta ou setenta anos foron o sustento de medio milleiro de familias da zona son elementos que atoparemos ao longo de toda a ruta, que abarca unha distancia de 16,5 quilómetros (ida e volta).

Pódense ver os lugares onde están os restos dos talleres nos que se fixeron barcos como o Joaquín Vieta, o Eliseo, o Galeón de Abelleira ou o Carmen Barcia. A experiencia de realizar o roteiro permite asimesmo coñecer a figura do fragueiro, a persoa que ía ao monte para buscar o carballo específico para a embarcación, ou como se curaba a madeira.

O Concello de Outes está a apostar pola carpintería de ribeira e, por iso, vai rehabilitar un estaleiro para convertelo nun centro de interpretación. Está situado na zona de Broña e é unha das paradas obrigadas neste atractivo sendeiro.

A PRAIA DE BROÑA. A praia de Broña, semiurbana e con forma de enseada, ten 475 metros de lonxitude e 20 de anchura. Con base de area de cor branca e protexida dos ventos do norte, está dotada de diferentes infraestruturas, como unha área infantil e unha fermosa zona verde con varias mesas e bancos.

O outro estaleiro que se visita é o de San Cosme, no cal se aprecian unha rampla de acceso en moi bo estado e unha zona de acubillo.

A carpintería de ribeira foi declarada no ano 2019 Ben de Interese Cultural, xa que a Xunta de Galicia quere garantir a investigación, promoción e protección desta técnica.

areadecompostela@elcorreogallego.es

26 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.