Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Un verán lírico con Seguridad Social, Música nas parroquias e o Millarock

A edil Natividade González presentou a programación // Os Seráns ampliarán as súas actividades a Bugallido // Sés tocará no parque do Ameneiral o 12 de agosto

Baixo o lema Ames medra coa cultura, presentouse na casa da cultura do Milladoiro o programa Ames Cultural 2022, no que destacan concertos como o de Seguridad social, a Noite en vela, o Millarock ou Música nas parroquias. A edil de Cultura, Natividade González, e a técnica municipal deste departamento, María Vázquez, foron as encargadas de realizar dita presentación cun variado programa de actividades que se vai a desenvolver ao longo dos meses de xuño, xullo, agosto e tamén setembro.

Os eventos do programa Ames Cultural arrancan o mércores, 22 de xuño, coa proxección dun novo filme incluído no Ciclo Mestre Mateo. Será ás 20.00 horas na casa da cultura de Bertamiráns. Ademais, durante o mes de xuño, haberá dous concertos de corais que se enmarcan no programa de Música nas parroquias. O venres, 24 de xuño, actuará a Coral Lojo Batalla no campo da festa de Ortoño, mentres que o domingo 26 de xuño fará o propio a Coral Antonio Santomil no campo da festa de Ortoño.

O mes de xullo comezará coa estrea do grupo municipal de teatro, que representará o 1 de xullo, ás 20.30 horas, na casa da cultura do Milladoiro, a obra Aquí non paga ninguén. Ademais, os días 1 e 2 de xullo celebrarse unha nova edición do festival Ames Jazz no Pazo da Peregrina da capital munipal.

Xa o 7 de xullo, ás 19.30 horas e na praia fluvial de Tapia, comeza o programa de Seráns de Ames cun pregón a cargo de Federico Pérez e maila actuación da charanga Os Celtas. O venres 8 de xullo estará no Milladoiro o grupo Seguridad Social, que ofrecerá un concerto no aparcadoiro da Travesía do Porto, a partir das 22.00 horas. O domingo 10 de xullo continúa o programa Música nas parroquias coa actuación dos Retranqueiros no campo da festa de Ortoño, e mailo concerto de Luar na Lubre, ás 19.00 horas, no mesmo lugar.

Do mesmo xeito, o xoves 21 de xullo, ás 19.30 horas, celebrase a segunda xornada dos Seráns de Ames cunha actuación na praia fluvial de Tapia do grupo SU MA. Trátase dun espectáculo de danza-circo 360º de medio formato onde os personaxes crean mundos de fantasía. Xa o sábado, 23 de xullo, celebrase unha nova edición de Noites en Vela, ás 22.00 horas na Ponte Maceira, coa actuación do grupo Caldo. O xoves 28, ás 19.30 horas, os Seráns de Ames continuarán dende o campo da festa de Bugallido cos espectáculos A bibliotecaria estrafalaria, a cargo Cris de Caldas e Xabi do Camiño; e Nabiza Girl, da man de Isabel Risco.

A edil de Cultura, Natividade González, destacou que “ao longo deste verán vaise a desenvolver un programa moi variado no que haberá concertos de estilos moi diversos de música, pero que tamén inclúe outras actividades relacionadas co cinema, teatro e maxia”. Destacou especialmente que “o programa Seráns de Ames, posto en marcha en 2021, amplíase á parroquia de Bugallido e este verán realizaranse actividades tanto na praia fluvial de Tapia como no campo da festa de Bugallido”. Por último, suliñaba que “se trata dunha programación ampla para todos os públicos co obxectivo que todos os veciños e veciñas de Ames poidan gozar dun verán cultural en Ames”, segundo explicaba.

Celebracións. Respecto do programa para agosto, comeza na xornada do xoves 4 cunha nova xornada dos Seráns de Ames na praia fluvial de Tapia coa representación de A illa do tesouro.

Xa o venres 5, volve o esperado Millarock, que se celebrará no aparcadoiro da casa da cultura do Milladoiro, a partir das 21.00 horas. O cartel deste ano está composto polos grupos Biribirlocke, Battosai, The Rapants e Chicharrón. O sábado 6 volve o programa de Música nas parroquias cunha actuación de As Maianas no campo da festa de Tapia. O domingo 7 a banda de música de Brión actuará nas festas do Milladoiro e o luns 8, coincidindo tamén coas patronais do Milladoiro, será a quenda do grupo Os Castros, que actuará no campo da festa do Milladoiro, tamén dentro do programa de Música nas parroquias.

Para o xoves, 11 de agosto, está programada outra actuación da Coral Lojo Batalla no campo da festa de Agrón e tamén haberá unha nova sesión dos Seráns de Ames cos contacontos de Bibiana Calvo e Divina Fernández, persoal das bibliotecas municipais da capital maiá, e coa Tropa do doutor Milagre.

O venres, 12 de agosto, ás 22.00 horas, o parque do Ameneiral, en Bertamiráns, acollerá o concerto de Sés. O domingo 14 actuará a banda de música Ateneo de Negreira en Bertamiráns e o luns 15 volve o programa de Música nas parroquias coa actuación do grupo Airiños do Paseo de Colón no campo da festa de Biduído. Para o domingo, 25 de agosto, está programada unha nova sesión dos Seráns de Ames cun espectáculo de maxia no campo da festa de Bugallido. O mes de agosto péchase con dúas novas actuacións de Músicas nas parroquias: a do sábado 27 cos Retranqueiros, no campo da festa da Ameixenda, e a do domingo día 28, tamén na Ameixenda, cunha gala a cargo do grupo Os Retranqueiros e tamén de De Vacas.

A comezos de setembro haberá dúas novas actividades, que xa serán as últimas desta programación. O domingo 11 o grupo A Requinta da Maía actuará na Festa dos Muíños das Tres Aldeas e o mércores, 14 de setembro, proxectarase no auditorio da casa da cultura de Bertamiráns un novo filme do Ciclo Mestre Mateo.

12 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.